O Concello achegaralle, por lei, máis de 43 000 euros á concesionaria do Carregal pola situación da Covid

287

Agarda que o persoal poida mellorar a súa situación, que se complicou nos últimos meses pola situación que atravesa a empresa

O Concello achegaralle 43.258,82 euros á empresa concesionaria da xestión das instalacións deportivas do Carregal pola afectación que tivo no desenvolvemento da actividade a situación da Covid. Os servizos xurídicos municipais, con base ao Real Decreto 8/2020, e tendo en conta que as instalacións tiveron que estar pechadas entre o 14 de marzo e o 27 de xuño de 2020, consideran, tras recibir a solicitude por parte da empresa concesionaria, que o Concello debe facer fronte a un reequilibrio económico, é dicir, a compensar a perda de ingresos ante o incremento dos custos soportados, entre os que se atopan os posibles gastos adicionais salariais. Os servizos municipais propoñen esta cantidade despois de revisar a documentación achegada pola empresa.

A proposta económica será elevada agora ao Pleno, un pleno extraordinario que terá lugar o vindeiro martes co fin de que a empresa concesionaria reciba canto antes esta compensación económica que lle poida axudar para afrontar “a difícil situación que está a padecer ante as restricións que nestes momentos aínda padecen este tipo de actividade pola situación da Covid”, explican desde o goberno local.

Esta situación está a causar importantes problemas de xestión con afectación directa nos traballadores da empresa. “Á empresa, por Lei, correspóndelle esa compensación económica, e agora esperamos que sirva para mellorar a situación dos seus traballadores que nos últimos meses, segundo trasladaron directamente á Alcaldía, están a padecer problemas”.

Precisamente, a alcaldesa, María Barral, mantivo nas últimas horas unha nova reunión con representantes dos traballadores na que lles explicou a disposición do Concello para afrontar este reequilibrio financeiro e achegar eses máis de 43 000 euros, trasladándolles a súa preocupación pola situación da concesionaria.

As restricións pola Covid coa consecuente redución de actividades nos últimos meses unido a unha importante redución de abonados fai que a xestión das instalacións pase por un momento complicado “algo que é xeral, non só en Betanzos senón noutras cidades” polo que “agardamos” que aos poucos as condicións melloren en paralelo á mellora de datos da pandemia e que pronto se chegue a unha nova normalidade tamén no día a día da piscina e o ximnasio”.