O Concello reúnese con Teléfonica para avanzar no proxecto de instalación de fibra óptica en varios núcleos rurais con problemas de internet

434

A alcaldesa, María Barral, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa directora territorial de Telefónica para Galicia e Asturias, Paula Beirtán, dentro dos contactos que mantivo con diferentes operadores para liquidar as deficiencias que padece a veciñanza de varios núcleos rurais que carecen de fibra óptica.

 

 

 

A primeira edil trasladoulle á responsable de Telefónica a necesidade de liquidar estas deficiencias e que o seu operador acometa canto antes a instalación da rede, algo que podería realizarse unha vez que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital declarou as zonas afectadas como “zonas brancas” para o despregamento de banda ancha.

Agora o seguinte paso é que o Ministerio licite estas zonas brancas e que os operadores interesados presenten as súas propostas. Neste caso, Telefónica xa lle trasladou á alcaldesa o seu “interese” por presentarse a esta licitación  e que no caso de que fose a empresa elixida “acometer de forma prioritaria este proxecto, por diante doutros moitos que sairán tamén a contratación noutras partes de Galicia”.

A alcaldesa confía en que isto se produza canto antes e que a veciñanza de Piadela e outras zonas do rural poidan acceder a este servizo canto antes. “Aínda así non estamos satisfeitos porque non é un tema que se poida arranxar da noite para a mañá, polo que seguiremos insistindo ata que nos fagan caso. Estamos coa veciñanza en todo momento nas súas reivindicacións e imos seguir ata o final” para que “máis pronto que tarde se mellore a cobertura de internet en Piadela, Montellos, Viladesuso ou O Tarreo”.

Desde a Alcaldía xa se fixeron as xestións oportunas para que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital recoñecese os problemas que padecen estas zonas. A primeira edil trasladoulle á Secretaría de Estado de Telecomunicacións a negativa das empresas operadoras coas que o Concello mantivo reunións de traballo para ampliar a rede “resultaron infrutuosas” polas dificultades económicas á hora de afrontar a actuación. É por iso, que o Concello trasladoulle ao Ministerio a necesidade de estender a banda ancha de alta velocidade ao 100% da poboación e o despregamento de redes 5G a zonas pouco poboadas, incrementado a cobertura en Piadela, Montellos, Viladesuso, e Tarreo, ademais de mellorar coberturas móbiles en varios puntos “nos que existen problemas”. Por mor desta petición, o Ministerio incluíu o catro núcleos de poboación como “zonas brancas” para o despregamento de banda ancha “co cal de interese para os operadores, ao contar con axudas do Estado para o seu despregamento”.

Desde a Alcaldía ínstase á Secretaría de Estado como máxima responsable da modernización tecnolóxica no territorio nacional “mais tamén buscamos o apoio da Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para impulsar esta ampliación da rede”.