O Concello apoiará a hostaleiros e outros sectores afectados pola covid-19 á hora de “tentar buscar axudas”

313

O goberno local apoiará aos hostaleiros e comerciantes nas súas reivindicacións ante a situación que están a padecer polas restricións pola covid-19. A alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de Facenda, Diego Fernández, mantiveron unha reunión con representantes da Plataforma SOS Hostalería Betanzos para coñecer de primeira man as súas reivindicacións e tratar de tender pontes para, dentro das limitacións que ten a administración local, “buscar vías de entendemento e saída ás súas peticións. Somos sensibles coa situación e faremos o que estea nas nosas mans para que outras administracións, que si teñen competencias e capacidade para poder axudar, fágano”.

A primeira edil explicou que as axudas municipais do plan reactiva Betanzos abonáronse esta semana despois de que os servizos de Intervención desen a súa aprobación. “Sabemos que non son suficientes, e por iso imos incidir ante outras administracións para que tanto os hostaleiros como outros sectores afectados pola pandemia poidan recibir máis axudas”. Neste sentido, explicoulles o procedemento seguido para a concesión de axudas e o por que algúns profesionais quedaron fóra “especialmente porque non tiñan a dirección fiscal en Betanzos e iso choca frontalmente coa aplicación da Lei Xeral de Subvencións”.

A primeira edil levará a Pleno en consenso co resto de forzas políticas e a propia Plataforma un manifesto “que espero conte co visto e prace de toda a Corporación recollendo as demandas e os problemas que o colectivo de hostaleiros e outros sectores, de forma indirecta, están a padecer, en busca de solucións”.

María Barral agradeceu o recoñecemento por parte dos representantes da Plataforma a algunhas medidas municipais relacionadas con axudas ou as terrazas e brindouse a mediar directamente ante outras compañías de servizos de enerxía ou de auga e saneamento, como  VIAQUA, para que se teña en conta a súa situación “á hora de abonar a auga ou saneamento”.

A alcaldesa explicou ademais que as taxas e ordenanzas municipais nas que o  Concello “pode actuar legalmente” xa se rebaixaron aos límites normativos, unha decisión tomada xa en 2020 e que se manterá en 2021. “Nese sentido trasladamos nosa total colaboración á hora de fixar o impostos pero dentro do que nos marca a lei”.

Por último, ante situacións “persoais” que está a atravesar algún profesional, segundo a plataforma, desde o  Concello poñerase á súa disposición, como se fai con outros casos, os Servizos Sociais para tramitar axudas de emerxencia para gastos esenciais en caso de necesidade.