Betanzos participará en xaneiro de 2020 na feira de turismo máis importante de todas as que hai en España e entre as primeiras a nivel mundial como é Fitur. Farao cunha caseta propia e será, a día de hoxe, o único concello de Galicia que contará con presenza nesta feira. Así o adiantou a alcaldesa, María Barral, que explicou que o goberno local traballa nunha serie de accións promocionais da cidade, centradas na historia, a cultura e, este ano, de forma especial, na gastronomía.
Captar o turismo gastronómico será o obxectivo deste ano en Fitur, coa promoción do prato estrela da cociña betanceira: a tortilla. As campañas realizadas durante estes últimos anos a través de diferentes medios, o pulo que se lle deu á nosa tortilla coas semanas dedicadas a este produto; a colaboración que tivemos por parte dos hostaleiros e hostaleiras “fixo que nestes momentos a marca da tortilla de Betanzos estea no seu momento máis álxido e iso temos que aproveitalo, dando un paso máis na súa promoción”, explicou a alcaldesa.
As cifras de turistas a Betanzos, segundo os datos que manexa a oficina de Turismo tamén se incrementa ano tras ano. “Poucas cidades poden ofrecer o que Betanzos ofrece, un centro histórico como o que temos; os nosos costumes e tradicións, a nosa cultura milenaria e un comercio e unha gastronomía única”, indicou hoxe a primeira edil. Por iso é polo que o obxectivo sexa, unha vez “obtido ese grao de coñecemento de Betanzos, centrarnos nun turismo como o gastronómico, que supón anualmente para España máis de oito millóns de turistas internacionais. Se a iso sumamos o turismo nacional que ten a Galicia como punto de referencia no sector gastronómico”, “coido que Betanzos ten un gran potencial e todos os condicionantes para incrementar as cifras deste tipo de turismo de cara a 2020”.
Nestes momentos, Betanzos prepara diversas accións promocionais para Fitur, non só para turismo internacional senón tamén para o turismo nacional “onde estamos ben situados e onde debemos, por tanto, seguir medrando”, apunta a primeira edil. A idea é reforzar a “marca e reforzar a hostalaría, e facer unha mención especial á tortilla, a nosa, con aceite de oliva, patacas e ovos de aquí e, por suposto, sen cebola”.
O goberno local prepara varias accións de degustación da tortilla aproveitando o tirón de Fitur e continuar así coa promoción do produto. Neste sentido, tras a final do programa de TVE Masterchef Celebrity en que resultou gañadora Tamara Falcó e nunha entrevista posterior expresou o seu desexo de aprender a facer a tortilla de Betanzos posto que, dixo, “é a mellor”.
Neste sentido, o goberno local fixo público un convite, que lle trasladará a Tamara Falcó, para ofrecerlle a posibilidade de que “os cociñeiros vinculados á gastronomía betanceira lle ensinen como se fai a nosa tortilla, ou ben coincidindo con Fitur ou na nosa propia cidade, e, de paso, aproveite para degustala e agradecerlle que teña tan presente a Betanzos”, comentou a alcaldesa.