O Concello comeza as obras de instalación dos novos aseos públicos autolimpables na praza dos Irmáns García Naveira

173

O Concello iniciou as obras de construción dos aseos públicos da rúa Sánchez de Taibo, en pleno centro da cidade, entre o edificio Arquivo, sede da maior parte das dependencias municipais e o edificio dos xulgados.

 

 

O proxecto prevé a instalación de dous aseos autolimpables e antivandálicos, unha solución adoptada desde o goberno local despois dos “ataques” que se sucederon nestes equipamentos e que facían “inviable” mantelos abertos ao público.

Os aseos disporán dunha serie de dispositivos que axudan a controlar o correcto funcionamento deste.

Terán un horario de uso, cun programa automático que controlará o peche e apertura nunha franxa de tempo determinada. As persoas usuarias disporán dunha pantalla para saber se o aseo está ocupado ou non. Tras cada uso, se autolimpará e permanecerá bloqueada a porta de entrada, impedindo o acceso ao interior. O proceso comprende limpeza da tapa mediante saídas de auga a presión. Secado, limpeza do chan e limpeza do inodoro. A auga utilizada no proceso de autolimpeza está mesturada con líquido desinfectante desodorizante que cumpre todas as normativas de biodegradabilidade. O proceso de autolimpeza terá unha duración duns 30 segundos.

Cada unha das cabinas-aseo, home/muller, contará cun teito en aceiro inoxidable, iluminación interior mediante fluorescentes de tecnoloxía LED, sistema de ventilación natural en todo o perímetro da cabina, inodoro autolavable, autodesinfectado a presión e secado automático despois de cada uso con auga homoxeneizada cun desinfectante e desodorizante.

Ademais contarán con papeleira para papel biodegradable, un dispensador de xabón, colgador, espello, billa de aceiro inoxidable automática e secamáns con funcionamento á exposición das mans baixo unha fotocélula. Terá unha barra de apoio fixa e abatible de aceiro inoxidable para persoas discapacitadas e incapacitadas.

Serán os primeiros que instale o Concello coa intención de que este tipo de servizos se poidan colocar noutras zonas públicas que tamén se ven afectadas os actos de vandalismo.