O Concello convoca 17 postos de venda ambulante para as feiras do 1 e o 16

1232
Feira de Betanzos na Praza Irmáns García Naveira

O Concello abriu o prazo de presentación de solicitudes para optar aos 17 postos vacantes de venda ambulante en 9 modalidades: 6 de téxtil, 3 de bixutería, 2 de bolsos, 1 de zapatos, lenzaría, antigüidades, enxoval, drogaría e perfumaría. A adxudicación realizarase por sorteo público entre as persoas que soliciten o posto e que cumpran os requisitos exixidos.

O prazo para a presentación finaliza o 7 de maio. O sorteo celebrarase o día 10 ás 12:00 h no Salón Azul do Edificio Liceo. As modalidades nas que o número de solicitantes sexa igual ou inferior ao de postos convocados non se realizará ningún sorteo.  As condicións de adxudicación destes postos establécense con base á ordenanza reguladora de venda ambulante aprobada en pleno recentemente.

Estes 17 postos quedaron vacantes por diversas causas, entre elas, falta de pagamentos ou non asistencia ás feiras. A idea inicial é que estes postos se cubran con profesionais de venda “de segmentos nos que non haxa demasiada presenza na feira e ampliar así a oferta de produtos”, segundo indicou a concelleira de Comercio, Mónica Carneiro, por iso é polo que se buscaron as especialidades anteriormente citadas. Poderase recibir máis información a través da convocatoria que xa está publicada na páxina web municipal. VER

A nova ordenanza recolle tamén a realización de sorteos cada seis meses en función dos postos que vaian quedando libres. Estipula, ademais, as causas de extinción da autorización municipal por, entre outras, non solicitar renovación de autorización; pola falta de pagamento das taxas municipais dentro do prazo establecido; por renuncia expresa e escrita da persoa titular; por non asistir a catro feiras consecutivas ou seis alternas ao longo da vixencia da autorización, agás causa xustificada; falta de pagamento das sancións municipais que se impuxesen ou cometer algunha das infraccións contidas na ordenanza, tipificadas como infracción grave, ou moi grave, ou reincidir na infracción.

A nova ordenanza inclúe diversas clases de infraccións, leves, graves e moi graves. No primeiro grupo inclúese  non exhibir a necesaria autorización, ou non facer a limpeza do espazo ocupado polo posto ao finalizar a xornada. Serán graves, entre outras, a reincidencia das faltas leves; a venda  fóra dos perímetros ou lugares autorizados ou dos horarios establecidos; a venda por persoas sen autorización; ou negarse a ofrecer datos ou facilitar información a persoas responsables da Feira.

As infraccións incluirán primeiro apercibimentos; sancións económicas; e ata a incautación da mercadoría, e o peche do posto ou suspensión da actividade comercial.

Nestes momentos, a feira ten uns 160 postos de venda.