O Concello de Betanzos conmemorará o Día de Rosalía de Castro 2020 cunha programación especial

1437
Teatralización "Sempre Rosalía" (Diego Ponte e Ana Freire)

O Concello de Betanzos organiza ao longo destes días varias actividades encadradas na programación do Día de Rosalía de Castro, que se celebra o vindeiro 24 de febreiro. Entre estas destacan as actividades pedagóxicas con 12 pases da teatralización “Sempre Rosalía” por conta de Producións Dispersas, que terán lugar os días 27 e 28 de febreiro no IES As Mariñas, no IES Francisco Aguiar, no CEIP Francisco Vales Villamarín e mais no CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” e que chegarán a preto de 500 alumnos e alumnas de primaria e secundaria de todos os centros de ensino da localidade.

O acto central da programación de Rosalía de Castro volverá este venres 28 de febreiro en forma de homenaxe e congregará a pequenos e maiores na Aula Municipal de Cultura para lembrar á escritora galega. A Gala de Rosalía de Castro que o Concello de Betanzos organiza en colaboración coa Asociación Cultural Eira Vella comezará ás 19:00 h e será conducida por Mariña Erias e Javier Crespo, que darán paso ao alumnado de educación infantil, primaria e secundaria do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, ao alumnado de educación infantil do CEIP Francisco Vales Villamarín e mais de secundaria do IES As Mariñas. Ademais, e como en anos anteriores, parrticipará o Coro de Coirós e a Asociación Lar de Unta, e tamén o Grupo Azougue da Escola Municipal de Folclore.

Igualmente, durante todo o mes pódese visitar unha exposición bibliográfica na Biblioteca Municipal Castelao sobre a autora e visualizar nos balcóns dos edificios municipais a exposición “Versos rosalianos na rúa” que intenta difundir a obra de Rosalía de Castro e homenaxear á escritora no aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro.