O Concello de Betanzos lembra a Carvalho Calero con diversas actividades no mes do seu 110 aniversario

480

O Concello de Betanzos trasladou a programación das Letras Galegas para este mes de outubro, en consonancia co traslado do acto oficial que a propia Real Academia Galega durante o estado de alarma. O vindeiro 31 de maio, a Real Academia Galega, homenaxeará a Ricardo Carvalho Calero no 110 aniversario do seu nacemento e para recuperar unha parte da celebración do 17 de maio que coincidiu co estado de alarma.

O Concello de Betanzos tampouco quixo deixar esta ocasión de lado e trasladou a programación que tradicionalmente se viña facendo nos centros de ensino ao mes de outubro no que o alumnado de primaria e secundaria desfrutará de varias propostas que pretenden poñer en valor e dar a coñecer a figura do ferrolán Carvalho Calero.

As actividades comezarán o 23 de outubro no CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” onde o alumnado de primaria desfrutará do contacontos de dinamización lingúística “Cómica de lingua. Presumindo de lingua propia” sobre a figura de Carvalho Calero, autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas. O día 29 de outubro o mesmo contacontos por conta de Raquel Queizás terá unha sesión virtual para o alumnado de primaria do CEIP Francisco Vales Villamarín.

Para o alumnado de secundaria a proposta de celebración das Letras Galegas deste ano 2020 materialízase en varios obradoiros “Carvalho Calero: un espazo, un tempo, un creador” que levarán a cabo Rexenerando os días 28, 29 e 30 de outubro no IES Francisco Aguiar, IES As Mariñas e no CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” para distinto alumnado de varios niveis da ESO e Bacharelato. Os obradoiros “Carvalho Calero: un espazo, un tempo, un creador” buscan facer un achegamento significativo á figura de Carvalho Calero e o seu contexto, especialmente deseñada para a mocidade. A través da súa vida e obra falarán da cidade que o viu medrar, un lugar vangardista e efervescente.