O Concello executa o arranxo de viarios municipais en diversos núcleos rurais de Tiobre, Pontellas, Piadela e Requián cun investimento próximo aos 200 000 euros

894

O goberno local executa as obras de mellora de diversas vías municipais situadas na zona rural, nas parroquias de Tiobre, Pontellas, Piadela e Requián, que forman parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais da Magdalena, Touriñao, Castro, Illobre, Vila de Suso, Guiliade, Infesta e Xanrozo.

Trátase de camiños moi utilizados, permitindo nuns casos o acceso directo aos núcleos desde estradas autonómicas e provinciais e noutros a comunicación entre os distintos lugares do propio núcleo.

Os camiños incluídos no proxecto son os de Touriñao de Abaixo; Touriñao de Arriba; Lamadaqueira; Castro; Camiños en Vila de Suso; en Guiliade; Infesta; Xanrozo-Baiuca; e Infesta- Xanrozo

Os traballos suporán o acondicionamento e mellora dos camiños co fin de evitar que a súa deterioración vaia en aumento e mantelos nunhas condicións adecuadas para o seu uso, mellorando a súa seguridade e accesibilidade.

Para iso levará a cabo nuns casos o acondicionamento do pavimento de calzada, a súa sinalización horizontal, procedéndose ao pintado das liñas de bordo de calzada, liñas de parada e outras marcas transversais, cedas, STOP, etc. segundo proceda, e á instalación de sinais de stop naqueles camiños que carezan actualmente delas. Noutros casos procederase á execución dunha dobre rega da superficie do camiño para mantemento deste.