O goberno local acollerase ao programa de Fondos Europeos para a Recuperación para optar a construír o seu primeiro Centro de día municipal

263

O goberno local impulsará un Centro de día municipal. “Tal e como nos comprometemos no seu día, un dos obxectivos deste goberno local é poder contar cun Centro de Día, un proxecto no que levamos tempo traballando e que agora imos tentar facer posible  a través dos Fondos Europeos para a recuperación dentro do eixo de economía de coidados e reforzo de políticas de igualdade e inclusión do plan de Recuperación, Transformación e Resilencia.

 

Para optar a eses fondos estableceuse un convenio asinado entre a Fegamp e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais.

O Centro de Día é un proxecto que foi exposto polo goberno local en varias ocasións á propia Xunta, que é a que ten as competencias directas na materia, pero que “nunca foi atendido”, segundo a primeira edil, quen, como vicepresidenta da Fegamp. Impulsou que este asunto fose tratado no seo dos acordos marco entre este ente supramunicipal e a Xunta aproveitando os programas de Fondos Europeos para a Recuperación. Por mor diso, ábrese agora un camiño, segundo a primeira edil, para que “as administracións como Betanzos que levamos anos tentado que a Xunta construíse un centro de día, podamos contar cunhas instalacións que cubran as necesidades de moitos veciños e veciñas”.

A primeira edil indicou que Betanzos solicitará unha axuda para a construción ou adaptación de instalacións para poder contar cun Centro de Día, para o que está previsto unha asignación de 300 000 ou 600 000 euros, dependendo o caso, no que se dará prioridade a concellos de menos de 20 000 habitantes, que carezan doutros recursos de similares características e que dispoñan de terreos ou instalacións e presenten un anteproxecto de actuación, unhas condicións que cumpre Betanzos.

A alcaldesa indicou que esas axudas  non serán suficientes para cubrir unha nova construción ou a reforma de instalacións para o centro, pero que o Concello asumirá o que corresponda porque “non podemos perder esta oportunidade. Sabemos que a Xunta, que é a que tería que facelo, non ten nos seus plans a construción de servizos deste tipo que, para un concello como o noso, resultan nestes momentos fundamentais para atender as necesidades da poboación”.

María Barral explicou que a primeira opción é poder rehabilitar o antigo ambulatorio para a súa utilización como Centro de Día, que se completaría con outro tipo de servizos e equipamentos comunitarios, dada a superficie do inmoble.  Unha segunda opción pasaría, no caso de que esta non encaixase, pola construción dunhas novas instalacións en terreos municipais.