Concello e familias do servizo de axuda a domicilio consideran positivo o funcionamento do mesmo aínda que é necesario mellorar algúns aspectos, especialmente, de coordinación. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, despois de manter unha reunión da comisión de seguimento do servizo na que están representadas as familias, os/as traballadores/as da empresa, os grupos políticos, a empresa, técnicos de Servizos Sociais, e o goberno local.
A reunión tiña como obxectivo valorar estes meses de funcionamento coa empresa despois dos problemas que se produciron coa anterior concesionaria. A actual comezou a súa prestación coincidindo co confinamento pola Covid-19 e o estado de alarma co que os primeiros meses “houbo unha dificultade engadida á hora de desenvolvelo”.
Desde o pasado mes de xuño, a situación foise estabilizando e co paso destes meses asentando. Con dificultades, pero dando pasos importantes para liquidar situacións herdadas e poñendo cada parte, usuarios, Concello e empresa, a vontade necesaria para liquidalas”, indicou a primeira edil.
A reunión serviu para seguir avanzando en distintos aspectos e “puír” esas cuestións, especialmente, relacionadas coa coordinación “que deben ser melloradas”. Ademais, mantéñense conversacións entre empresa e traballadoras para mellorar outros aspectos en materia laboral.
Ante a situación de prestación do servizo e os problemas derivados do mesmo en anos anteriores, o concello, indicou a alcaldesa, mantén a través de Servizos sociais unha supervisión continúa e diaria co fin facer un seguimento do mesmo e “actuar en caso de que sexa necesario para liquidar problemas ou situacións que non se axusten á prestación do mesmo”.