O Concello modifica as partidas orzamentarias para facer fronte a gastos xerados pola pandemia

535

O  Concello modificará hoxe en pleno o orzamento previsto para este ano 2020, aprobado en decembro de 2019, co fin de facer fronte a gastos xerados, no seu maior parte, pola Covid-19. O goberno local, como xa adiantou a alcaldesa, María Barral, hai uns meses, tivo que variar os programas de gastos que tiña previstos para este 2020 como consecuencia da pandemia. Axudas a colectivos e actuacións de limpeza e desinfeccións, ademais de compra de material e outras actuacións complementarias de adaptación de edificios e servizos, provocaron cambios nas partidas orzamentarias e o realizar agora modificacións de crédito para poder facer fronte a eses gastos, quitando dunhas partidas para meter noutras. Así, o concelleiro de Facenda,  Diego Fernández, explicou que esta modificación permite xerar 290.000 euros que proveñen de partidas orzamentarias que non se executaron; do fondo de continxencia e de sobrante de axudas.

Gran parte desta cantidade irá ao pago de facturas de gastos xerados pola pandemia. Só en limpeza viaria e desinfeccións haberá que abonar uns 63.000 euros que se sumarán aos 82.000 euros necesarios para facer fronte aos servizos de limpeza nos centros educativos ou a outros máis de 10.000 euros destinados á adaptación de edificios públicos. Todos os dispositivos de desinfección así como outras actuacións levadas a cabo en materia de seguridade como consecuencia da  Covid  tamén se abonarán con cargo a esta modificación de crédito.

A maiores, aproveitará esta proposta para incluír unha serie de actuacións de pavimentación e mantemento de viais que tamén se afrontarán con este  modificativo de crédito.

Outros puntos

Outro dos puntos que serán tratados en pleno é a disposición doutros 142.000 euros que non estaban dispoñibles pola afectación do plan económico financeiro. Se  tata dunha partida de gasto de enerxía eléctrica, duns 122.000 euros; e outra de promoción no ámbito deportivo duns 20.000 euros. Unha vez que que se deroga por parte do Estado as regras fiscais, o que propoñerá hoxe o goberno local é dispoñer das cantidades bloqueadas polo plan económico financeiro para esas mesmas partidas, para enerxía eléctrica e  deportes.

Por último, o  Concello tamén volverá dispoñer nos seus fondos duns 454.000 euros que adiantara para facer fronte á subvención do  IDAE para a instalación de luminarias led. Logo da reclamación realizada no seu día por unha empresa que se presentou ao concurso, a concesión da subvención  atrasouse, facendo mesmo que o  Concello tivese que pedir unha prórroga para non perdela. Mentres, para facer fronte ás obrigacións, houbo de adiantar o diñeiro da mesma con eses 454.000 euros provenientes do remanente de tesourería. Agora, unha vez que todas as partes déronlle a razón ao  Concello, asegurouse a cobranza desa subvención polo que o diñeiro adiantado volve á partida de remanente. O 2019 pechouse, lembra o  Concello, con máis de 3,5 millóns de euros de remanente de tesourería para gastos.