O Concello pechou o 2018 con 3,4 millóns de euros de remanente e un superávit de 2,7 millóns de euros

809

A alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de Economía, Diego Fernández, presentaron a conta xeral do Concello que levará ao Pleno o vindeiro martes e na que se reflicte  un remanente de Tesouraría total no exercicio 2018 de 4 517 488,69 euros que despois de deducir a estimación dos dereitos de difícil ou imposible recadación e o exceso de financiamento afectado o remanente líquido de Tesouraría para gastos xerais continúa sendo positivo por importe de 3 444 977 euros.  Que esta cifra sexa positiva supón un recurso para o Concello á hora de programar nosas actuacións e proxectos en equipamentos e servizos municipais.

Esta situación económica fixo tamén que o Concello rematase o ano cun superávit orzamentario de 2 754 614,51 euros. Ademais, o aforro neto que resulta da liquidación do orzamento é positivo por importe de 2 026 349,22 euros. A alcaldesa e o concelleiro destacaron a liña de traballo para, por outra banda, seguir coa diminución do nivel de endebedamento, que se sitúa no 6,25% fronte ao 8,25 do ano 2015, ao 13 % do 2014; o 21,49% do 2013, o 30,94% do 2012 ou o 46% do 2011, e está moi por debaixo do 75% e do 110 % marcados pola normativa.

María Barral subliñou, ademais, que o Concello segue sen ten débeda con entidades bancarias logo da amortización realizada no exercicio 2017 o que supón que podemos utilizar os nosos recursos a efectuar investimentos necesarios para a nosa veciñanza.

A conta xeral levarase a Pleno para a súa aprobación logo de que o día 1 de outubro se informase en comisión a conta xeral do Concello, correspondente á anualidade 2018 e non se presentasen alegacións transcorrido o período de exposición pública. En xeral, dende o punto de vista económico, o balance amosa a 31 de decembro de 2018 ascende, tanto no activo como no pasivo, a 58 100 597,14 euros. O resultado do exercicio 2018 foi de aforro, pois os ingresos e os beneficios contables son maiores que os gastos e as perdas. O aforro do Concello no exercicio 2018 foi de 2 067 998,75 euros.