Betanzos concluirá a próxima semana as obras de mellora do pavillón e buscará a solución ás filtracións na cuberta cunha empresa especializada

49

O goberno local concluirá a próxima semana diversas obras de mellora no polideportivo municipal do Carregal. Trátase de actuacións de mantemento como o pintado das diferentes instalacións interiores como os vestiarios, os corredores, a entrada de acceso ou as escaleiras; a renovación dos termos de auga; a substitución da carpintaría metálica por unha nova; ou a fontanaría. Ademais, limpáronse os canelóns da cuberta e renováronse algúns ferros desta.

O concelleiro, Andrés Hermida, explicou que os traballos continuarán coa rampla de acceso, para facilitar unha “mellor accesibilidade”. O edil indicou que, a pesar dos traballos efectuados na cuberta, as últimas borrascas provocaron a aparición de pingueiras. “A cuberta arranxouse en varias ocasións, mais polas súas características, o certo é que o problema de pingueiras aparece cada certo tempo. Por iso, encargamos a unha empresa especialista que analice o estado e achegue as solucións para evitar que se filtre auga”, indicou o concelleiro.