O goberno local porá en marcha o vindeiro luns unha campaña de apoio ao comercio durante este Nadal que se prolongará até a época de rebaixas. Trátase dunha campaña de apoio directo ao comercio para impulsar que “os betanceiros e as betanceiras  compremos e gastemos en Betanzos, pondo en valor o noso”, explica a alcaldesa, María Barral.

A alcaldesa xunto coa concelleira de Comercio, Ánxeles Veiga, presentou esta iniciativa coa que “desde o Concello queremos seguir axudando ao tecido comercial, aos e ás profesionais de Betanzos nun momento difícil e complicado para a nosa economía como consecuencia da pandemia”. Estará, como as anteriores campañas, aberta a todos os establecementos comerciais, dos distintos sectores, e contará de varias fases. En total, repartiranse premios valorados en máis de 5000 euros. A primeira delas, coa lema “Betanzos, tan cerca da nosa xente”, empezará o vindeiro luns para promover e potenciar as compras destes días, ata o 6 de xaneiro, en todos os sectores (moda, alimentación, electrodomésticos, decoración, etc).

As persoas participantes deberán enviar a unha plataforma en liña unha autofoto coa compra realizada no comercio betanceiro, ben sexa no seu interior ou diante do establecemento. É dicir, unha foto que identifique o comercio coa compra. Todas as fotos recibidas desde o día 20 de decembro ao 5 de xaneiro entrarán nun sorteo  de agasallos con Iphone 13, unha bicicleta de montaña e 10 cestas valoradas cada unha delas en 100 euros de Produtos Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A campaña imaxe da campaña será a actriz, xornalista e presentadora, Lucia Regueiro, unha profesional vinculada desde nena a Betanzos e namorada do comercio local brigantino. Será ela a encargada, a través de vídeos, de presentar o comercio de diferente perfil e a variedade de posibilidades que ofrece Betanzos. A campaña terá unha segunda parte durante a época de rebaixas co reparto de rifas por compras superiores a 10 euros nos establecementos adheridos a esta para que tamén durante ese “período tan importante para os comercios os betanceiros e as betanceiras non só se beneficien das rebaixas senón tamén que con elas teñan a posibilidade de conseguir tamén premios polas súas compras”.

 

Neste caso, a través destes boletos sortearase outro iphone 13, outra bicicleta de montaña e en lugar do dez cestas, 10 vales gastronómicos de 100 euros cada un para trocar nalgún dos establecementos de hostalaría vinculados á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.