O Concello pon en marcha a Mesa de Coordinación Policial en materia de Violencia de Xénero con Garda Civil e Policía Local

278

O Concello de Betanzos celebrou o pasado día 20 de maio, a primeira reunión da Mesa de Coordinación Policial en materia de Violencia de Xénero, un órgano integrado pola Policía Local, a Garda Civil, os Servizos Sociais municipais e a Subdelegación do Goberno, creado no marco da Xunta Local de Seguridade co obxectivo de reforzar a coordinación institucional e mellorar a protección das vítimas.

A mesa nace como un espazo estable de traballo e seguimento entre as distintas administracións e corpos implicados na loita contra a violencia de xénero, favorecendo o intercambio de información, a análise conxunta dos casos activos e a adopción de medidas de prevención, protección e seguimento adaptadas a cada situación.

Este órgano reunirase con carácter trimestral e permitirá avanzar nunha resposta máis coordinada, áxil e eficaz fronte á violencia machista, mellorando a colaboración entre os diferentes servizos que interveñen na atención ás vítimas.

Durante esta primeira sesión realizouse unha análise da situación actual dos casos activos do sistema VioGén en Betanzos. Na actualidade existen 45 casos activos no municipio, dos que cinco están catalogados de risco medio e o resto de risco baixo, con ou sen medidas de protección, en función das circunstancias de cada expediente.

A creación desta mesa enmárcase no labor de coordinación institucional impulsado polo sistema VioGén, promovido polo Ministerio do Interior para garantir o seguimento integral dos casos de violencia de xénero e reforzar a protección das vítimas mediante a colaboración entre forzas e corpos de seguridade, administracións públicas e servizos especializados.

O Concello destacou a importancia de continuar fortalecendo os mecanismos de cooperación entre administracións para ofrecer unha atención integral ás vítimas e avanzar na prevención e erradicación da violencia de xénero.