O Concello programa diversas actividades en febreiro en conmemoración do Día de Rosalía de Castro

1479
Fachada da Casa Consistorial

Betanzos, 2 de febreiro de 2018. O Concello de Betanzos bota a andar un ano máis unha programación dedicada a conmemorar o nacemento da escritora galega máis universal, Rosalía de Castro. Desde comezos de mes pódese visitar unha exposición bibliográfica na Biblioteca Municipal Castelao e visualizar nos balcóns dos edificios municipais a exposición “Versos rosalianos na rúa” que intenta difundir a obra de Rosalía de Castro e homenaxear á escritora no aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro.

Balcóns do edificio Liceo

 

O Concello de Betanzos tamén programou distintas actividades pedagóxicas nos centros de ensino de primaria, onde levará os vindeiro días 22 e 23 de febreiro a xincana literaria “Rosalía na voz da xente” para os máis pequenos e pequenas dentro da programación do Día de Rosalía de Castro co que se pretenden homenaxear á escritora, conmemorar a data do seu nacemento e facer a máxima difusión da súa figura e obra.

Así mesmo, o xoves 22 de febreiro, está prevista a presentación do libro Airiños aires Rosalía de Xurxo Lobato. Esta presentación irá acompañada dunha proxección audiovidual do libro que realizará o propio autor e que terá lugar ás 20:30 h no Salón Azul do edificio Liceo.

Finalmente, e como cada ano, o Concello de Betanzos organiza unha homenaxe a Rosalía de Castro en colaboración coa Asociación Cultural Eira Vella na que participará alumnado de diversos centros de ensino de primaria e secundaria betanceiros, como o CEIP Francisco Vales Villamarín, o IES As Mariñas e o CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, así como distintas asociacións culturais betanceiras. Presentarán esta gala Paula Mosquera e Sergio García, alumnos do IES As Mariñas, e pecharán Adhara & Ritman, un grupo galego que adaptará os temas de Rosalía a ritmo de folk e reggae, entre outros estilos musicais.