O Concello reitera a súa vontade de colaborar ao máximo co sector hostaleiro

899

O Concello reiterou a súa vontade de colaborar ao máximo co sector hostaleiro en canto a flexibilizar a ampliación da zona da terraza para así minimizar a normativa estatal de redución de mesas ao 50%. O Concello estudará caso por caso, a situación de cada terraza, e facilitará, onde sexa posible, a súa ampliación nun 25% sobre a superficie que tiña asignada cada local “de forma puntual e extraordinaria”. Trátase de medidas en beneficio do sector e acordes para garantir as medidas de seguridade esixidas polo Goberno central para frear a pandemia.

A pesar dese incremento de superficie outorgado polo Concello débense respectar en todo caso a proporción do 50% entre mesas e superficie dispoñible, non podendo, baixo ningún aspecto, superar o número de mesas que ten cada establecemento na súa solicitude de autorización..

Neste sentido, desde a área de Urbanismo faise un chamamento aos hostaleiros e os clientes para que se respecten as distancias de seguridade. Tanto durante a xornada de onte como a de hoxe, a Policía Local lembroulles aos locais que iniciaron a actividade esta semana a “obriga” de manter a distancia entre mesas e que os grupos de reunión poden ser dun máximo de 10 persoas e que se respecten tamén as distancias sociais.

Aínda que tanto a xornada de onte como a de hoxe se desenvolveron sen apenas incidencias, á marxe de varias advertencias en momentos puntuais, desde a Policía Local advirten que o incumprimento da normativa levará aparellada unha sanción na subdelegación do Goberno.