O Concello réndelle homenaxe aos distintos colectivos que traballaron e axudaron durante o confinamento a través do calendario municipal

493

O Concello enviou nos últimos días a cada domicilio o calendario 2021. En total 7000 exemplares.  Neste, o Concello quere renderlle homenaxe a todos os sectores que durante o confinamento e nos duros momentos que se viviron o pasado ano “estiveron ao noso carón, ofrecendo os seus servizos, a súa axuda e colaboración para que non nos faltase de nada”, indicou a alcaldesa, María Barral. O Concello dedicoulle cada mes a un colectivo.

Para descargar o calendario 2021 prema aquí

Protección Civil, Cruz Vermella, Servizos Sociais, Policía Local, axuda no fogar, os e as profesionais sanitarias e os farmacéuticos fixeron tanto a nivel  individual como colectivamente que os betanceiros e betanceiras “nos sentísemos arroupadas e seguras en todo momento, durante esas semanas e meses máis complicados. Pendentes de nós, das necesidades que marcaban o día a día, tiveron un papel fundamental, impagable e extraordinario”. Por iso, no calendario están representados.

Tamén se lle rendeu homenaxe a todos eses sectores de profesionais que non pararon de traballar para que durante os meses de confinamento e durante o estado de alarma seguísemos tendo cubertas as nosas necesidades. O sector da alimentación: peixarías, carnizarías, froitarías, supermercados… tantos e tantas profesionais representadas no calendario polas panadarías, un símbolo da nosa cidade, distribuídas polos distintos barrios.

O transporte, outro dos sectores esenciais e que máis axudou durante 2020, representado  neste calendario polos taxistas que se puxeron a disposición da veciñanza para facer desprazamentos especialmente ao centro de saúde ou para levarlle as compras ás casas.

O Concello quixo darlle tamén GRAZAS a Betanzos. A toda Betanzos. O comportamento exemplar de toda a veciñanza nos tempos tan duros que nos tocaron vivir. As rúas baleiras cando tiñan que estar e os aplausos das oito asomados ás xanelas ou aos balcóns permanecerán para sempre como lembranza dun ano que, desgraciadamente, será difícil esquecer.

María Barral explicou que quedan aínda momentos complicados e duros por diante, mais “agardamos que este 2021 sexa o da volta a normalidade, o da recuperación da actividade, o de volver abrazarnos e a vivir Betanzos como sempre o fixemos. Demostramos que somos un pobo unido e que esta pandemia fixo que esteamos máis unidos ca nunca. Esa é a nosa forza, como demostramos ao longo da nosa historia”.