“Versos rosalianos na rúa” volve para lembrar o Día de Rosalía de Castro

537

O Concello de Betanzos tiña previsto como cada ano no mes de febreiro unha programación para homenaxear a Rosalía de Castro mais debido ás restricións e á situación actual unha parte deste programa, en concreto a programación do Concello en aberto foi adiada. Aínda así, a exposición “Versos rosalianos na rúa” volve aos balcóns dos principais edificios municipais este luns 1 de febreiro. Esta exposición ten como finalidade difundir a obra de Rosalía de Castro e homenaxear á escritora no aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro, e poderase ver nos balcóns municipais durante todo este mes.

Así mesmo, o Concello ten previstas diversas actividades nos centros de ensino de primaria e secundaria na semana do 22 de febreiro, con varias intervencións teatralizadas “Sempre Rosalía” por conta de Producións Dispersas no CEIP Francisco Vales Villamarín, no IES As Mariñas e no IES Francisco Aguiar e unha sesión do contacontos ilustrado “Figueiriñas que eu prantei” de Polo correo do vento no CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”. Finalmente, adiou para o mes de xuño a programación da representación teatral para público infantil “Rosalía, o lugar onde medran as poetas” de Culturactiva que estaba prevista para o venres 12 de febreiro.