O Concello sacará outro plan de axuda á hostalaría e comercio e creará unha mesa de traballo para programar novas actuacións

450

O Pleno do Concello abordará unha declaración institucional de apoio á hostalaría e ao comercio de Betanzos que se viu seriamente afectado na súa actividade pola pandemia. Logo da reunión mantida hai uns días pola alcaldesa, María Barral, con representantes da plataforma SOS Hostalería Betanzos, a primeira edil comprometeuse a levar a un vindeiro Pleno unha declaración de apoio, ademais de darlle voz a un representante da Plataforma na mesma sesión. A Aalcaldía preparou unha proposta que foi consensuada e concretada  en dúas reunións posteriores mantidas cos  hostaleiros e hostaleiras.

Nela recóllense as peticións dos sectores máis afectados pola crise e tamén o Concello incorpora varios compromisos que adquiriu directamente a alcaldesa coas persoas afectadas. Entre eles, a creación dunha mesa de traballo con axentes de todos os sectores e a participación dos grupos municipais para proxectar accións que poñan en valor á hostalaría e o comercio e as persoas que forman parte dela e planificar de forma conxunta os proxectos para os próximos meses como, por exemplo, a negociación das bases de convocatoria do vindeiro plan de axudas municipal ou campañas de promoción do comercio e a hostalaría.

O Concello tamén anuncia o seu compromiso a reaxustar as súas partidas económicas para abordar en solitario, ou xunto a outras administracións, un segundo plan de axudas destinando para elo unha partida similar ao primeiro plan municipal do 2020, é dicir,  150 000 euros para cubrir necesidades  dos sectores máis prexudicados pola Covid.

Ademais manterá a exención de varios en impostos municipais e as superficie que se ampliaron para as terrazas, comprometéndonos tamén a estudar fórmulas, na mesa de traballo que se creará para o efecto,  que permitan axudar aos hostaleiros e hostaleiras que non dispoñen de espazos para terrazas.

Tamén o Concello instará ás compañías eléctricas a que habiliten plans de axuda para os profesionais prexudicados pola Covid na súa actividade e negociarase coa empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga a exención dos pagamentos aos afectados polo peche de actividade e a non aplicación da suba do 2% a estes profesionais, que por lei lle corresponde á concesionaria.  E volverá a presentar outra iniciativa no Consorcio das Mariñas para que se busquen vías xurídicas, ante a situación actual, que permitan tamén unha exención ou, como mínimo, unha redución da taxa de recollida de lixo, dependente deste ente supramunicipal.

O Concello recoñece a gravidade da situación dos hosteleiros e comerciantes e o gran impacto que xerou neles a crise sanitaria. Por iso adoptou diversas medidas para suavizar as consecuencias xeradas pola Covid-19. A posta en marcha do Plan Reactiva Betanzos, con axudas directas a hostaleiros e hostaleiras e comerciantes que se viron afectadas pola pandemia, foi unha das primeiras medidas, ás que o Concello destinou 150 000 euros. A estas axudas sumáronse as impulsadas pola Deputación da Coruña, nunha partida orzamentaria que alcanzará os 244 000 euros, e que está en plena tramitación. Esta corporación aprobou tamén a rebaixa dos impostos a profesionais ata o máximo que permite a lei para paliar a situación dos autónomos e autónomas e das pequenas empresas e de familias que tamén se viron afectadas por esta crise sanitaria e económica como consecuencia da Covid-19 con bonificacións totais en varios impostos.

Reitera, unha vez máis, o seu compromiso coa delicada situación que están a atravesar, facilitando dentro das competencias municipais, todas as accións e propostas viables podamos adoptar tendentes a paliar ou minimizar os efectos económicos nefastos que están a producir nestes sectores as medidas sanitarias para paralizar a extensión da pandemia.

Neste sentido, tamén traslada o  apoio ás persoas traballadoras, empresarias e xestoras dos sectores afectados por esta dura crise ante a durísima situación que están a atravesar como consecuencia das medidas que están a soportar na loita contra a expansión da Covid-19 entre a poboación e manifestar o noso recoñecemento á vital importancia destes sectores económicos que acollen en Betanzos centos de postos de traballo e forman parte substancial dos hábitos de vida e de relación da cidadanía.

E insta ao o goberno da Xunta, administración que ten as competencias en materia económica, a establecer, xunto a outras administracións como a Deputación, que xa avanzou a súa disposición para facelo, un plan de rescate de forma urxente que compense nalgunha maneira as perdas que está a sufrir o sector e que garanta a pervivencia dos negocios. Tamén se compromete a instar o goberno de España a que abra canto antes unha liña de axudas directas específicas para algúns sectores afectados pola pandemia como a hostalaría, o turismo ou o comercio, que sexa compatible con calquera outra medida ou axuda outorgada por outras administracións públicas para axudar ás persoas que agora mesmo máis o necesitan.