O Concello incrementará este ano ata os 3,5 millóns de euros o capítulo de gasto corrente nos orzamentos municipais para atender, entre outras cousas, os efectos da pandemia sobre a veciñanza, tanto dende o punto de vista hixiénico e de protección como dende o punto de vista social, ademais de garantir as obrigas derivadas dos contratos acordados polo Concello.
A este área de gasto de protección e promoción social inclúese a achega necesaria para continuar cos programas do servizo de transporte adaptado, actividades dirixidas a axudar no marco da drogodependencia; mantense e refórzase o servizo de axuda no fogar e increméntase o gasto mediante a inclusión do Plan POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2021.
Todo isto mantendo o gasto derivado da contratación do servizo de axuda no fogar así como as aplicacións orzamentarias recollidas para poder prestar os servizos públicos esenciais á nosa veciñanza.
Tamén se establecen partidas, dentro deste capítulo, para a promoción cultural, turística e, especialmente, do comercio e hostalaría do noso municipio, tendo en conta as limitacións derivadas da pandemia da Covid-19 que se poidan dar. Tratarase de levar a cabo actuacións de apoio dirixidas aos autónomos e autónomas e ás pequenas empresas que conforman o comercio local, ademais de promover distintas iniciativas para a promoción empresarial.
O orzamento, que se levará ao Pleno esta misma semana, recolle en educación partidas dirixidas a mantementos do CEIP Vales Villamarín e a aplicación necesaria para o servizo de comedor da Escola Infantil Municipal e continuar coa xestión do comedor do Vales Villamarín.
O orzamento destina tamén outros 787.260,98 euros para, entre outras cousas, manter subvencións que se consideran prioritarias, para o Consorcio das Mariñas, o Transporte Metropolitano, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, o programa Xantar na Casa, as cotas destinadas á Fegamp, novas liñas de subvención, as contías que a Xunta de Galicia está a reter do Fondo de Cooperación Local pola Escola Infantil e a achega á Fundación Globo de Betanzos que ten como principais obxectivos conservar, custodiar e divulgar o Globo de San Roque, creado por Claudino Pita Pandelo.
Aparecen recollidas tamén as axudas para distintas entidades sociais, culturais e deportivas.