O Concello sancionará a unha empresa por depositar material na vía pública

966

O Concello sancionará, con base á ordenanza municipal de limpeza, a unha empresa por depositar diversos materiais en vía pública na zona de Bellavista. O material foi localizado nunha zona próxima a unhas instalacións municipais. Tratábase de restos de caixas, papeis, mobles… entre outros obxectos cuxo orixe podería ser algunha oficina ou local comercial. A Policía Local presentouse e comprobou que existía diversa documentación, algunha dela de carácter persoal, con enderezo en Coirós.

Localizado o inmoble, tratábase dun baixo comercial cuxos propietarios contrataran os servizos de limpeza a unha empresa para trasladar o material a un xestor autorizado, algo que finalmente a empresa non fixo, e depositou o os refugallos nesta zona de Bellavista.

A empresa recolleu e retirou a última hora de onte todo o material. A pesar de todo, a Policía Local tramitará agora a correspondente denuncia con base á ordenanza municipal de limpeza.

A Concellería de Medio Ambiente lembrou que nos últimos meses foron retirados diversos puntos de vertedura ilegal, localizados en vías secundarias da zona rural polo que “é difícil, en ocasións, detectalos”. Por iso é polo que se solicita a colaboración da veciñanza á hora de alertar “aos servizos municipais”. Desde a Policía Local tamén se realiza un seguimento dalgúns puntos nos que “este tipo de verteduras se producen con maior frecuencia, expóndose os responsables a sancións económicas importantes”. Desde a Concellería de Medio Ambiente lémbrase que existe un punto limpo no polígono de Piadela para depositar material e que o Consorcio das Mariñas tamén conta cun servizo de retirada de trastes gratuíto.

Denuncia a unha propietaria dun can potencialmente perigoso

A Policía Local de Betanzos denunciará á propietaria, veciña de Sada, dun can de raza potencialmente perigosa, un american stanford, despois de que atacase a un veciño de Paderne que se atopaba facendo deporte na zona da Condesa. Os feitos ocorreron onte sobre as 21:00 horas. O home resultou ferido con rabuñados nas súas pernas e puido, con axuda dun empresario da zona, reducir ao animal e atalo, xa que estaba sen correa.

A Policía Local localizou á propietaria do can, que é unha veciña de Sada. O animal, ademais de estar solto, non tiña microchip, nin buceira e tampouco estaba inscrito no rexistro municipal de animais perigosos, neste caso de Sada. A Policía Local tramita a denuncia con base á Lei de seguridade cidadá e a Lei de protección e benestar de animais de compañía en Galicia por carecer de microchip, de buceira, estar solto e non estar rexistrado o animal.