O goberno local exíxelle á Xunta un reforzo do profesorado para o alumnado con necesidades especiais do CEIP Francisco Vales Villamarín

979

O goberno local, xunto coa comunidade educativa do CEIP Francisco Vales Villamarín volveu exixirlle á Xunta que cubra a praza de profesorado de infantil que aínda resta e da que depende, en parte, a materia de Inglés, así como as de Pedagoxía Terapéutica. Sobre esta última especialidade, o concelleiro de Educación, Andrés Hermida, explicou que o curso pasado o centro foi apoiado cunha praza a maiores da prevista e que, para este curso, o colexio necesitaba a maiores desa praza creada o pasado ano outra máis. Pois ben, a día de hoxe o colexio “non dispón nin a concedida o pasado curso nin a solicitada para este ano”.

Esta situación complica “o desenvolvemento do curso para o alumnado con necesidades especiais” polo que o Concello insistirá ante Educación “na necesidade urxente de que isto se solucione canto antes”. O edil espera que do mesmo xeito que ocorreu con outras demandas de profesorado, a Consellería “reaccione ante unha petición que nos parece totalmente xusta e que coñece desde hai tempo que era imprescindible para reforzar o departamento”.

O concelleiro volveu insistir tamén na necesidade de programar novas obras no CEIP Francisco Vales Villamarín por parte da Xunta tal e como se puxo de manifesto no último consello escolar municipal. Trátase dunha segunda fase de reforma do centro escolar, pendente desde hai varios anos e, polo momento, sen consignación orzamentaria a pesar da necesidade expresada pola comunidade educativa en numerosas ocasións”.

Transporte

Por outra banda, as reivindicacións do Concello e da propia comunidade educativa para que se mellorase o transporte tendo en conta que a máis de 80 alumnos e alumnas non se lles aseguraba este servizo deron resultado e “obrigou á Xunta a dar marcha atrás”. O edil destacou o traballo de toda a comunidade educativa, a dirección do centro que, xunto co propio Concello e a Alcaldía, fixeron posible que ese “alumnado conte co mesmo servizo que tiña o curso pasado”.