O Concello de Betanzos contou cun convidado de excepción para dar inicio ás festas do Nadal. O betanceiro Carlos Arévalo, medallista olímpico, foi o encargado de prender o alumeado nun acto programado para o pasado día 29, na praza Irmáns García Naveira.
Neste evento estivo acompañado pola alcaldesa, María Barral, quen expresou o seu agradecemento ao piragüista por aceptar “o noso convite para unha xornada tan simbólica”. Ademais, as persoas asistentes gozaron de música ao vivo e os nenos e nenas de Betanzos foron convidados a un chocolate.
A alcaldesa, María Barral, destacou que “é un orgullo contar cun betanceiro como Carlos Arévalo para o acendido do noso alumeado” e quixo “recoñecer unha vez máis o traballo e os éxitos conseguidos por este betanceiro en todo o mundo”.
En total, o Concello contará con cerca de 700.000 luces LED repartidas en 4600 metros cadrados de iluminación.









