O museo das Mariñas recibe a doazón de cinco cadros da pintora Sofía Feliu

367
A alcaldesa María Barral e Paz Moreno Feliu.

O Museo das Mariñas ven de recibir unha importante doazón que reforza o apartado pictórico da súa colección. Trátase de cinco cadros da pintora extremeña Sofía Feliu Toledano (Navalmoral de la Mata (Cáceres), 1926 – Madrid, 2010) quen residiu durante parte da súa vida na cidade de Betanzos.

Os cadros, propiedade da súa filla Paz Moreno Feliu, pasan a engrosar a colección do museo brigantino, onde xa existían en exposición varias obras desta pintora, como un retrato de Francisco Vales Villamarín, unha vista da desaparecida Casa Gótica ou unha imaxe do interior da igrexa de San Francisco, onde curiosamente a pintora representou tamén á súa filla.

Esta doazón permitirá á institución betanceira seguir promovendo a presenza das mulleres na arte, recuperando a historia e a obra de pintoras betanceiras como Rosina Martínez, Olimpia Tourné ou a propia Sofía Feliu.

Os cinco cadros entregados ao Museo das Mariñas representan imaxes tan dispares como o pintado do Globo de Betanzos, unha escea dun día de feira, unha imaxe da porta da Ponte Nova, un óleo do interior da igrexa de San Domingos e un bodegón cun prato de polbo, que curiosamente aparecerá representado na contracapa do Anuario Brigantino 2023, onde a portada tamén estará ilustrada cun fragmento do cadro “A bodega do Eladio”, onde a pintora cacereña reproduce o interior desta antiga bodega do viño do país.

O propio Anuario Brigantino recolle no seu interior a conferencia impartida o pasado ano pola súa filla, Paz Moreno Feliu, Catedrática de Antropoloxía na UNED, quen repasou dentro das Conferencias do Anuario Brigantino a traxectoria artística da súa nai. As súas palabras, xunto cunha selección de obras betanceiras da pintora, aparecen agora recollidas no traballo Sofía Feliu: Betanzos como museo ao aire libre.

Participou do acto da doazón, a alcaldesa María Barral, quen agradeceu o xesto á doante e remarcou o seu compromiso por seguir ampliando a colección do Museo das Mariñas, o que sin dubida contribuirá a realizar novas actividades de difusión e a atraer a atención de numerosos veciños e veciñas.