O servizo de comedor e madrugadores do Vales Villamarín atenderá este curso preto de 450 alumnos

370

O servizo municipal de comedor e madrugadores que o Concello ofrece no colexio Vales Villamarín, tanto para o ciclo de Infantil como de Primaria, terá para o próximo curso preto de 450 alumnos, en concreto 447, 132 en Infantil e 315 de Primaria.

 

 

 

Delas, 209 alumnos/as beneficiaranse das bonificacións establecidas, reguladas a través da ordenanza do prezo de comedor e madrugadores, que en función da renda per cápita, prevé descontos que van desde o 20% ao 100%. Nesa relación de bonificacións tamén se inclúe por discapacidade, por exclusión social, por familia numerosa ou por cuestións de violencia de xénero. No caso de familias en risco de exclusión social a subvención alcanza o 100%.

Trátase dun servizo básico que o Concello mantén, a pesar de non ter competencia, “dentro dos seus programas e accións de conciliación da vida familiar e laboral, de igualdade  de oportunidades das persoas con menos recursos e cara  a incidir en hábitos saudables desde o punto de vista da alimentación”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

Manteranse, como en anos anteriores, dúas quendas ante a falta de espazo que ten o colexio para poder ofrecer o servizo a todos os alumnos a unha mesma hora, á espera de que a Xunta execute a reforma do colexio que inclúe, precisamente, entre outras cousas, a ampliación da zona de comedor, demandada polo AMPA, a dirección do centro e o propio Concello. “Esa falta de espazo fai inviable que se poida establecer unha só quenda e obriga a establecer un de 165  e outro de 150 alumnos” explica a alcaldesa.

Co espazo que dispón o colexio a día de hoxe para comedor, a única opción para establecer unha única quenda sería deixar fora do servizo a alumnos/as do centro e esa opción “non está contemplada polo Concello, que o que pide á Xunta é que faga o que ten que facer no colexio, reforme as instalacións, acondicióneas para ter un comedor adaptado ao número de alumnos deste centro”, indicou a primeira edil.

É máis, o Concello lembra que a pesar desas dúas quendas, a zona de comedor segue sendo insuficiente por iso é polo que “tivese que adaptarse como comedor unha parte do salón de actos, coa lóxica redución de espazo para outras actividades. Unha situación que ten e debe cambiar canto antes nese proxecto que levamos esperando desde hai anos e que a Xunta aínda non abordou”.

No aulario de Infantil o servizo desenvolverase nunha só quenda debido a que hai espazo suficiente para todos os alumnos que o solicitaron.