A alcaldesa, María Barral, declarará o próximo día 19 de marzo na causa aberta polos xulgados de Betanzos por mor da denuncia presentada polo propio Concello para que se investigase a orixe das verteduras detectadas en maio e xuño de 2023 no río Mendo.
O obxectivo que persegue o Concello é coñecer a orixe dunhas verteduras que causaron naquel momento un importante problema de saúde pública aos betanceiros. A primeira edil mostrou a súa satisfacción porque “por fin” poida explicar en sede xudicial todo o que o Concello e a empresa concesionaria tivo que facer para superar unha crise sanitaria que se prolongou por espazo de varias semanas e pedir “que se utilicen todos os recursos posibles para chegar á orixe desas verteduras en defensa dos intereses de todos os betanceiros e betanceiras”.
A denuncia, presentada polo Concello, tiña como obxectivo, segundo a propia alcaldesa, “chegar ata o final” e que se investigase a orixe das verteduras despois de que o 13 de xuño os propios servizos municipais detectasen unha delas río arriba da toma de captación de auga de Betanzos. Por mor desa vertedura, que posibilitou a achega de informes e probas gráficas, o Concello presentou a denuncia, a principios de xullo, para que se investigasen.
Segundo puideron constatar os responsables do servizo a noite do día 13, e así se reflicte no amplo informe que se anexou á denuncia no xulgado, tanto o cheiro como a turbidez da auga prolongábase río arriba ata a zona coñecida como Ponte dos Cabalos, no límite entre Coirós e Oza Cesuras polo que se pediu unha investigación ante un posible ilícito penal.
Na denuncia, o Concello explicaba que por mor do brote de gastroenterite detectado entre finais de maio e principios de xuño (anterior á vertedura do día 13), unha das actuacións realizadas pola empresa concesionaria, para coñecer a súa posible orixe, foi a instalación dunha sonda multiparamétrica na canle da captación do río Mendo o 6 de xuño e así poder monitorizar en continuo os parámetros de pH, condutividade, temperatura, turbidez, amonio e potasio.
Esta sonda permitiu actuar cunha certa anticipación na ETAP fronte á observación de valores “anormais” no río Mendo cando se observaron dous picos de turbidez e amonio o día 12 sobre as 18:30 horas e as 3:00 horas do día 13. Por seguridade, parouse a produción na ETAP e mantívose unha vixilancia de 24 horas. A noite do 13 ao 14 de xuño produciuse un pico, neste caso de turbidez, próximo aos 50 NTU.
O operario de garda tras parar o bombeo de auga á planta, avisou ao capataz da situación. O capataz desprazouse ata a captación e detectou un cheiro forte, desagradable, e unha turbidez moi elevada, procedendo a gravar un vídeo na zona, así como a tomar unha mostra do río para a súa posterior análise e desprazarse río arriba tratando de localizar o punto exacto de orixe do mesmo que non foi posible pola escuridade e difícil acceso ao río. Ese episodio deu orixe á presentación da denuncia perante o xulgado, denuncia que non só se centrou nese día 13 senón en pedir que se investigase a orixe de verteduras no río que, evidentemente, ocasionaron a crise sanitaria que viviron os betanceiros aquelas semanas.










