O Conservatorio inicia unha recollida de firmas para buscar apoio entre a cidadanía para reclamar á Xunta que se faga coa súa xestión

375

O conservatorio municipal de música Carlos López García-Picos (grao elemental) comezou, unha campaña de recollida de firmas para que a Consellería de Educación, como administración educativa correspondente, asuma a xestión completa do centro, sumándose así, á reivindicación de todos os conservatorios municipais de Galicia.

Para asinar non é necesario estar vinculado ao Conservatorio senón que o apoio estará aberto a toda a cidadanía.

O director do centro, Luis Rivera, explicou que o obxectivo é involucrar “a toda a comunidade educativa e social para que se mobilice no que consideramos unha petición xusta e lóxica para o funcionamento administrativo dos conservatorios municipais”.

A alcaldesa, María Barral, indicou que o obxectivo é que a Xunta asuma “dunha vez por todas” unha competencia que “é súa, xa que se trata dun ensino regrado” que ata o de agora están a asumir os concellos de toda Galicia sen recibir nada a cambio.

No caso de Betanzos, a primeira edil indicou que o custo do Conservatorio supón ás arcas municipais uns 180.000 euros anuais, da maior parte destínase ao persoal do mesmo. Neste caso, seis profesores e un conserxe.

Barral indicou que do total do gasto, o Concello percibe 32.000 euros da Deputación e outros 4.500 euros das cotas dos alumnos. O resto é achega directa da administración local.

Esta situación “é insostible para os concellos nos que volve recaer un servizo que non lle corresponde”. Por iso é polo que a campaña de recollida de firmas sexa aberta a toda a cidadanía tendo en conta que o desembolso é de todos e todas os betanceiros e betanceiras.

Antes esta situación, a Xunta habilitou por primeira vez este ano a través do Fondo Local de Cooperación uns 700.000 euros a repartir entre todos os conservatorios de Galicia o que de xeito evidente resulta máis que insuficiente.

A campaña é promovida polos técnicos dos conservatorios e apoiada polos concellos como medida de presión e para visibilizar o problema que “estamos a ter os concellos asumindo competencias que non nos corresponden”. A alcaldesa espera que os betanceiros se sumen a esta campaña e apoien coa súa firma a reivindicación impulsada desde o equipo técnico do conservatorio.

Barral indicou que a situación do Conservatorio é similar a outros servizos como a escola municipal infantil, un servizo sufragado polo Concello que apenas recibe axuda por parte da Xunta que si ten competencia na materia.