Betanzos celebrou o pasado xoves 27 de febreiro, o seu primeiro pleno de maiores. Trátase dunha actividade que desde hai anos desenvolve con alumnos de Primaria dos colexios do municipio, coincidindo co Día da Constitución e ahora celebrouse cos maiores dentro do programa “Betanzos Acompáñache”.
Foron 17 persoas, homes e mulleres, as que participaron representado aos cinco grupos de memoria que se celebran en Infesta, Xan Rozo e os tres do centro urbano; os talleres de Cruz Vermella; as actividades de +60 de Afundación e a asociación de xubilados e pensionistas.
Cada grupo asociativo tivo a súa representación no pleno, é dicir, houbo catro grupos (como catro partidos políticos) que presentaron mocións, rogos e preguntas. A temática foi libre aínda que se centraron en propostas para este colectivo de idade e formulacións sobre o día a día da cidade.
Como no infantil, houbo unha alcaldesa, María Luisa Vázquez Caridad, que neste caso correspondeu ao grupo de Cruz Vermella Betanzos .
En canto ás mocións, presentáronse oito.
A primeira, de construción dun centro de día; ademais, propuxeron dinamizar con actividades os locais sociais de maiores; acondicionar as beirarrúas e a limpeza de bancos; instar as administracións correspondentes que atenden a persoas maiores e con diversidade funcional sen cita previa; e o mantemento de infraestruturas dos centros sociais do Concello (calefacción, humidades, e filtracións).
Ademais solicitaron a renovación de todos os equipos informáticos existentes dos centros sociais para uso das asociacións; a creación dun Consello Municipal de Maiores e a organización dunha comida anual municipal para maiores.
Os 17 maiores concelleiros foron recibidos pola alcaldesa, María Barral, quen entregou o bastón de mando á alcaldesa que presidiu a sesión plenaria. María Luisa Vázquez contou co asesoramento da propia María Barral quen volveu a mostrar a súa satisfacción pola celebración desta actividade “coa que buscamos a participación dos nosos maiores para que nos trasladen melloras ou propostas que o Concello poida ter en conta e que, ademais, coñezan de primeira man o funcionamento da administración. Achegar a administración aos nosos maiores, abrír as portas para que a coñezan de preto e facerlles partícipes de toma de decisións”.
María Barral destacou que outra das cuestións que máis satisfacción prodúcelle desta actividade é o “poder escoitar aos nosos maiores, escoitar as súas formulacións e a súa visión de cidade, e o pleno será unha ocasión única e especial para facelo”.
A actividade enmarcouse no programa Betanzos Acompáñache, dirixido a maiores de 65 anos, un programa que naceu co propósito de detectar casos en situación de soidade non desexada e que inclúe accións para involucrar na comunidade a persoas maiores nesta situación e crear unha rede de acompañamiento entre os diferentes axentes sociais do territorio.
En Betanzos o número de persoas maiores de 65 anos aciende a máis de 3350, preto de 1400 homes e algo máis de 1900 mulleres, o que supón o 25% da poboación betanceira. Delas, máis de 800 viven soas, é dicir, un 25% do total do colectivo de maiores.
A proxección estatística para poboacións galegas de tamaño medio como Betanzos é que na próxima década, tres de cada dez fogares, será unipersoais, compostos en gran medida por persoas maiores. Estes datos foron a base para que o Concello puxese en marcha o programa para detectar, intervir e mitigar a soidade non desexada na poboación maior, con actividades que buscan tamén a súa participación directa e a súa implicación.









