Paradores estudará a construción dunha instalación exposta por María Barral nalgún edificio singular do centro histórico

100
A alcaldesa, María Barral, na reunión coa presidenta de Paradores, Raquel Sánchez.

A alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión coa presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, para exporlle a construción dunha instalación hostaleira no centro histórico con dous obxectivos: por unha banda, contribuír á dinamización do centro histórico e, por outra, cubrir o déficit de oferta hostaleira que ten a cidade, onde “existe unha boa oferta canto a calidade, mais non en cantidade”.

Para o goberno local poder contar cunha nova proposta hostaleira e, de forma especial, nunha “contorna única como o centro histórico” sería un “paso máis no proxecto integral de revitalización desta parte da cidade no que traballa o Concello en varias frontes e que, sen dúbida, non só beneficiará a esta zona de Betanzos senón que será un motor para o resto da cidade”.

Raquel Sánchez trasladoulle á alcaldesa que desde Paradores se estudará a proposta que “ve con bos ollos” á espera de ter unha nova reunión para avanzar en posibles localizacións e aspectos técnicos. Ademais, comprometeuse a realizar unha visita á cidade para coñecer o centro histórico e as posibilidades que “ofrece para un proxecto destas características”.

María Barral amosou a súa satisfacción polo apoio da presidenta á súa proposta “consciente de que é un proxecto no que temos que seguir traballando e que non é a curto prazo senón que a idea é incluílo nos proxectos que desde Paradores se exporán para os próximos anos”, indicou a primeira edil.

A primeira edil expúxolle á presidenta a posibilidade de crear estas instalacións nalgún recinto ou edificio singular do centro histórico. “Existen varias posibilidades e liñas de traballo para facer realidade o proxecto, que sen dúbida non só sería bo para Betanzos senón para a comarca e A Coruña, que non conta con ningún Parador. Betanzos por historia, por características de cidade, cumpre perfectamente coas esixencias para albergar este tipo de establecementos hostaleiros e formar parte dunha rede que, sen dúbida, potenciaría un tipo turismo do que agora carecemos”.

A maiores, a alcaldesa aproveitou a estancia en Fitur, durante a xornada inaugural, para exporlle a Turismo de España que habilite algunha partida para seguir a recuperación do parque do Pasatempo a maiores da prevista de 1,5 millóns do Goberno de España  a través de fondos  europeos, unha partida que a alcaldesa espera que se amplíe con outro proxecto, tamén presentado aos Next Generation vinculado a Turismo e que se centrará nunha nova fase do Pasatempo con actuacións tanto na parte histórica como na zona de xogos infantís.