O Concello denuncia o atraso da Xunta á hora de acometer a mellora da cuberta do pavillón do Vales Villamarín que fai limitar novamente o seu uso ante as constantes filtracións

195

O Concello esixe á Consellería de Educación a “execución urxente” das obras de mellora da cuberta do pavillón do Vales Villamarín  ante as constantes filtracións de auga que imposibilitan o uso das instalacións como xa denunciou o goberno local en novembro do pasado ano.

As choivas dos últimos días e a volta ás clases tras o período do Nadal fai constatar para a alcaldesa, María Barral, “a volta á realidade que se reflicte na imposibilidade de poder utilizar as únicas instalacións deportivas do colexio polas constantes filtracións e pingueiras que alagan a pista”. A primeira edil explicou que tras as denuncias efectuadas en novembro “todo parecía indicar que aproveitando as vacacións do Nadal arranxaríase o problema coa instalación dunha sobrecuberta, mais, de novo, a Xunta fixo caso omiso ás súas obrigas”.

María Barral indicou que “algunhas das actividades previstas xa non se podían impartir antes de Nadal e agora menos, xa que a situación foi a peor ante as constantes pingueiras non nunha zona determinada, senón en varias zonas, ocupando unha boa superficie, que fai impracticable calquera disciplina deportiva”.

Lembrou que durante estes anos o Concello tentou paliar dalgunha maneira estas deficiencias, pero xa non hai alternativas. “Xa llo trasladamos á Xunta. Non é un problema de mantemento, nin de falta de mantemento, é un problema de desgaste que, para resolvelo, é necesario acometer, ou un cambio da cuberta do polideportivo ou instalar unha sobrecuberta como parece que é a intención, pero xa non podemos seguir vivindo de intencións, senón de feitos reais” indicou a primeira edil.

A situación non só afecta o desenvolvemento das clases de educación física ou outras especialidades deportivas senón tamén á actividade de clubs da cidade que utilizan as instalacións.

A alcaldesa ten pendente unha reunión co conselleiro, solicitada hai meses, no inicio deste mandato, unha reunión que foi exposta por cuarta vez, despois de que o tres anteriores quedasen no esquecemento. “Temos vontade de colaborar coa Xunta, pero é a ela a quen lle corresponde destinar dunha vez por todas os recursos económicos necesarios para abordar as obras non só no pavillón senón no colexio”, afirma Barral.

En pleno aprobouse unha moción presentada polo grupo municipal socialista, grupo de goberno, na que se instaba á Xunta a programar as actuacións que levan reclamando desde Betanzos, tanto por parte do Concello como da comunidade educativa.

Barral explicou que a “deixadez” de funcións da Xunta en materia educativa e os recortes levaron a que os concellos, e o de Betanzos non é unha excepción, a asumir “funcións que non lle corresponden”. Neste sentido, apuntou os servizos de comedor e mañanceiros aos que se apuntaron máis da metade do alumnado do colexio, máis de 500 nenos e nenas, para o que, ante a falta de “espazos ao non habilitar nin ampliar a Xunta a zona de comedor correspondente, houbo que facer quendas” co fin de que todos os escolares poidan gozar deste servizo.