Policía Local e Garda Civil reforzan a súa colaboración para garantir a seguridade na Feira Medieval que se celebrará a segunda fin de semana de xullo

141
Xunta Local de Seguridade no salón azul do edificio Liceo

Policía Local e Garda Civil poñerán en marcha dispositivos de colaboración para garantir a seguridade durante os tres días da Feira Franca Medieval na que Betanzos recibe a visita de miles de persoas e que conta cunha altísima participación dos propios betanceiros e betanceiras. Neste sentido, ao dispositivo especial da Policía Local, sumaranse varias dotacións da Garda Civil que se encargarán de velar pola seguridade no arrabalde da cidade.

Nos próximos días continuarán os contactos entre os dous corpos para precisar esa colaboración tal e como se acordou durante a celebración da Xunta Local de Seguridade á que asistiron a alcaldesa, María Barral, e a subdelegada do Goberno, María Rivas, xunto con representantes da Garda Civil, Policía Local, e Protección Civil.

A alcaldesa anunciou que tamén se repetirá o programa de puntos violetas centrado na loita contra a violencia machista e estender, de forma masiva, a información necesaria para saber como actuar nun caso de violencia contra as mulleres. “Será un espazo de atención, información e axuda ás  vítimas, ao mesmo tempo que sensibiliza ante a sociedade a loita contra as agresións sexistas nas festas”, explicou a primeira edil.

A Xunta local tamén analizou a petición da alcaldesa para que se incremente a colaboración de Policía Local e Garda Civil para buscar solucións aos problemas denunciados polo Concello e veciños/as en relación a determinadas situacións de inseguridade que “se suceden en varios puntos da cidade por menudeo ou trapicheo” que se suceden a plena luz do día en varias zonas da cidade.

A primeira edil expresou a súa “preocupación” por estas situacións das que xa alertou aos corpos e forzas de seguridade hai tempo. “Sabemos que desde a Garda Civil e Policía Local déronse pasos pero, entendemos, que á vista do que sucede a determinadas horas do día, estes pasos non foron suficientes, polo que trasladei aos dous corpos e á Subdelegada do Goberno a nosa preocupación, pedindo a posta en marcha de actuacións conxuntas que eviten estas situacións”, explicou María Barral.

A primeira edil admitiu que se trata de situacións “difíciles de eliminar” pero da xunta Local “saímos co compromiso de establecer os medios necesarios para acabar con elas. Ese é o propósito da Subdelegación do Goberno, da Garda Civil e da Policía Local e nese sentido establecerase a colaboración necesaria entre todos para terminar con situacións que, desgraciadamente, foron en aumento nos últimos meses e que están a xerar un malestar entre os veciños e veciñas, ademais de comerciantes e hostaleiros”.