María Barral mantén unha primeira toma de contacto con Estradas para chegar a un acordo de cesión da N-VI e a N-651

804

O Concello e a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia mantiveron hoxe unha primeira xornada de traballo para ultimar aspectos da posible cesión por parte do agora Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ao propio Concello da antiga N-VI e da zona urbana da N-651.

 

 

 

Trátase dun total de 7,3 quilómetros de vía, repartidos nos 6,2 quilómetros da antigua N-VI e 1,1 km da N-651. A reunión tivo lugar na subdelegación do Goberno coa alcaldesa, María Barral; a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo; e o xefe da demarcación, Ángel González do Río, e serviu para fixar os tramos de cesión e os trámites que son necesarios realizar para que tanto a antiga N-VI como a N-651 pasen a ser vías municipais.

O obxectivo que persegue o Concello é dobre. Por unha banda, que o Concello dispoña de autonomía sobre unha vía que a día de hoxe é netamente urbana e que, por tanto, poida xestionala como tal; e por outro, levar a cabo unha serie de actuacións que permitan humanizala, algo que agora, por normativa do Estado, non se pode executar.

Os máis de seis quilómetros da N-VI comprenden desde o limite de Betanzos con Coirós; todo o núcleo urbano até a zona das Angustias, mentres que o tramo da N-651, a estrada que une Betanzos con Ferrol, comprende o barrio da Ribeira e Saavedra Meneses.

A primeira edil trasladou aos responsables de Estradas que a vía se converteu nunha “travesía urbana” e, por tanto, a competencia “debe pasar a ser municipal unha vez que por parte do Ministerio acométanse unha serie de obras que lle deixen en bo estado de conservación”. María Barral indicou que aínda que existe moi boa sintonía para que a “os dous tramos destas estradas nacionais pasen a ser municipais, o certo é que desde o Concello imos pedir unha serie de actuacións previas á cesión, que entendemos que son necesarias despois de anos sen actuar sobre elas”.

A primeira edil tamén pretende que se axilicen dúas actuacións de mellora das infraestruturas viarias en Betanzos e que “son necesarias de face a mellorar a fluidez de tráfico no futuro como a glorieta no cruzamento da Magdalena coa avenida da Coruña, para a que xa se redactou un estudo técnico; e a creación dunha rotonda na N-651 á altura do viario que conduce ao cemiterio municipal. Para eses dous proxectos seguiremos traballando conxuntamente co Ministerio”.