Traballo e Concello reinician os contactos para a compra do edificio de sindicatos despois de que o atraso dunha autorización da Xunta paralizase o proceso

101
A alcaldesa, María Barral, despois de manter unha reunión en Madrid co oficial maior do Ministerio de Traballo, José Antonio Sánchez Quintanilla.

O Ministerio de Traballo reiniciará o expediente para a venda do antigo edificio de sindicatos despois de que caducase a súa tramitación polo atraso acumulado en recibir o Goberno central unha autorización da Xunta, que tiña competencia sobre unha parte do inmoble.

A pesar de contar con esa autorización, os xuristas do Ministerio consideran necesario iniciar un novo expediente ao que se incorporarán trámites xa realizados e que “por tanto, desenvolverase, agardamos, de forma moito máis rápida” explicou a alcaldesa, María Barral, despois de manter unha reunión en Madrid co oficial maior do Ministerio de Traballo, José Antonio Sánchez Quintanilla.

A intención do Ministerio é vender o inmoble ao Concello e atender así a petición realizada no seu día para o que, como primeiro paso, ademais de iniciar un novo expediente, actualizarase a taxación do edificio, que leva anos sen uso.

Á marxe de que agora se volva a fixar o prezo definitivo, o Ministerio de Traballo trasladoulle á alcaldesa a súa disposición a vender o inmoble e a que o pagamento da cantidade fixada se realice como pediu o Concello, é dicir, en varios anos e retrotraéndose cada ano das transferencias dos tributos do Estado que lle corresponden a Betanzos.

A alcaldesa lembrou que a taxación municipal realizada hai uns anos era de 165 000 euros, sensiblemente inferior á que  presentou no seu día o Ministerio, que chegaba aos 335 000 euros, con base fundamentalmente ao valor catastral do terreo.

O Concello insistirá novamente para tentar alcanzar un acordo no  estado actual do inmoble e, entre outros factores, que o terreo foi no seu día, en 1958, cedido polo propio Concello en sesión plenaria celebrada o 14 de maio de 1958 na que se acordou incoar expediente de cesión gratuíta da parcela a favor da entón Delegación Provincial de Sindicatos para a construción da Casa Sindical. A parcela cedida tiña dunha superficie de 200 metros cadrados que no seu momento pertencía ao actual parque Pablo Iglesias (antigamente, segundo as actas municipais, Parque Público da Ponte Nova). Estaba valorada en 10 000 pesetas segundo consta en acta notarial de 25 de outubro de 1958. Con base a iso, o Concello considera que esta cesión gratuíta do terreo debe primar hoxe en día á hora de chegar a un acordo entre as dúas administracións.

Trátase dun inmoble,  formado por dúas edificacións, a principal de tres plantas e a secundaria de dúas, que nestes momentos está nun estado de abandono, con importantes deterioracións nas súas fachadas exteriores. Nos últimos anos foi obxecto, mesmo, de ocupación  polo que foi necesario tapiar as xanelas e accesos.

A intención do Concello é que o edificio albergue a nova sede da Policía Local, que sexa o centro municipal de entidades (culturais, deportivas, veciñais…) e reservar tamén un espazo  para xuventude, no que os mozos e as mozas dispoñan de instalacións tanto para o desenvolvemento de actividades como punto de encontro.