“Un bico para Alí”, obradoiro de recursos en galego para nenas e nenos de 0 a 6 anos abre o prazo de inscrición este luns 29 de outubro

1494

Logo do éxito do obradoiro “A casa encantada de Alí”, o Concello de Betanzos programa para o vindeiro 10 de novembro un novo de música, contacontos e dinamización lingüística para bebés de 0 a 6 anos e as súas familias “Un bico para Alí”. Así mesmo, no próximo mes de decembro terá lugar unha nova edición do primeiro dos obradoiros, logo da alta demanda de pais e nais interesados na actividade.

“Un bico para Alí” terá lugar o sábado 10 de novembro ás 12:00 h no Salón Azul do edificio Liceo. Para asistir ao obradoiros é necesario realizar a inscrición previamente en www.betanzos.gal entre o 29 de outubro (desde as 10:00 h da mañá) e o 8 de novembro. Hai un límite de 20 prazas (bebés) que poden vir acompañados por un máximo de dúas persoas adultas e terán preferencia os nenos e as nenas empadroadas.

A inscrición debe realizarse cubrindo este formulario (ligazón). A confirmación da praza realizarase uns días antes da actividade no correo electrónico ou no teléfono facilitado no momento da inscrición.

Este obradoiro de recursos en galego para as familias corren por conta de Fabaloba Cooperativa Galega e o músico Luis Prego e forman parte do programa Lingua a escena da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado nas Oficinas Xerais do edificio Liceo, no teléfono 981 770 011 (ext. 2224) ou no enderezo electrónico [email protected].

“Un bico para Alí”

Un bico para Alí é o novo capítulo das andanzas da nena Alí. Desta volta desenvólvese nunha aventura para axudarlle a un amigo especial, Antón, a recuperar o seu tesouro perdio, a fala. Ao final consegue que Antón volva encher o saquiño das palabras grazas ao amor dos compañeiros.

A través das historias de Alí preséntase ao público o fantástico e amplo mundo de xogos, historias e cancións que hoxe teñen ao seu dispor as nenas e os nenos galego para soñar na nosa lingua. Como na “Casa encantada de Alí”, as ilustracións e as palabras de Fabaloba van acompañadas pola música e os efectos sonoros de Luís Prego.