Uns 70 establecementos participarán unha nova campaña de apoio a comerciantes, hostaleiros e profesionais que repartirá 6.000 euros en tarxetas regalo

142

Setenta profesionais, comercios e locais de hostalería participarán este ano na campaña de apoio ao comercio que desde o próximo día 4 desenvolverase en Betanzos dentro das accións de impulso ao tecido comercial, empresarial e hostaleiro.

Dentro do programa de apoio a estes sectores, o Concello iniciará esta campaña de apoio directo para impulsar que “os betanceiros e betanceiras  compremos e gastemos en Betanzos durante as rebaixas, poñendo en valor o noso”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

 

 

 

É unha campaña, acordada coas asociacións de comercio e hostería,  que se desenvolverá desde febreiro, coincidindo coa época de rebaixas,  ata abril, baixo o lema “Merca, tan cerca”, en liña co slogan Betanzos tan cerca, que desde hai anos acompaña as accións promocionais da cidade.

A campaña poñerá en circulación 6.000 euros para incentivar as compras nos establecementos betanceiros. Por cada compra igual ou superior aos 10 euros que se realice entre o 4 e o 28 de febreiro en cada un dos establecementos asociados á campaña, recibirase un boleto que entrará no sorteo, que se realizará a principios de de marzo, de tarxetas bancarias moedeiro que  terán varios importes.

Do mesmo xeito que o sorteo de lotería nacional, sortearase un primeiro premio de 300 euros; un segundo de 200 euros e cinco de 100 euros, ademais doutras 150 tarxetas regalo cada unha delas cargadas con 30 euros.

Os agraciados poderán gastar estas tarxetas ata o 30 de abril de 2023 en calquera dos establecementos asociados á campaña. Desta forma, no sector comercial e hostaleiro, potenciarase  a compra no período de rebaixas e incentivarase tamén os dous meses seguintes ao mesmo.

Os 70 establecementos participantes, xa sexa comercio, hostalería ou outro tipo de actividade, terán un distintivo da campaña para que os consumidores saiban onde poden conseguir tanto os boletos para participar no sorteo das tarxetas,  como  onde gastar o diñeiro desas tarxetas moedeiro que poderán utilizar nunha soa compra ou en cantas desexen ata consumir o premio que conteñan.

María Barral explicou “desde o Concello queremos seguir axudando ao tecido comercial, hostaleiro e, en xeral, aos profesionais de Betanzos nun momento difícil e complicado para a economía en xeral”.

A campaña foi acordada coas dúas asociacións de comerciantes, tanto a Acebe como a Chescasco, aínda que “ao estar impulsada desde o Concello esta aberta á participación de todo aquel profesional que teña a súa actividade  nun local de Betanzos. Falamos de profesionais do taxi, de gasolineiras, xestorías, panaderías, clínicas, etc”.