Betanzos renovará todo o sistema de iluminación do Museo dás Mariñas para potenciar todas as coleccións que alberga

201

O Concello levará a cabo un importante investimento na mellora da eficiencia enerxética do Museo dás Mariñas-Vicente de la Fuente, unha actuación que poñerá en valor tamén as coleccións que alberga esta instalación municipal que este ano cumprirá o seu 40 aniversario.

Trátase de dous proxectos que serán contratados polo Concello cun investimento total duns 376.000 euros e que incluirán a substitución de todo o sistema de rede de iluminación e de toda a carpintería do edificio, inclúen as xanelas, dentro dos programas de aforro enerxético nos que está a participar Betanzos a través dos fondos europeos.

O primeiro deles, o de iluminación, ten un custo duns 204.000 euros e persegue tres obxectivos: a redución do consumo enerxético da instalación; a adecuación das instalacións para garantir o funcionamento óptimo de luminarias e, en terceiro lugar, a mellora do confort visual do visitante e a minimización dos danos ás pezas expostas.

A alcaldesa, María Barral, indicou que o proxecto era unha actuación “pendente desde hai anos e importante para un Museo referente na provincia”.  Os traballos centraranse na substitución da iluminación actual, que é difusa con paneis fluorescentes, luminarias halóxenas e proxectores que son energéticamente ineficientes e que nalgúns casos provocaron unha deterioración dalgunhas obras danando as súas cores orixinais.

A actuación céntrase na substitución da iluminación interior da edificación, que data do ano 1983, tendo en conta o sua ineficiencia e mal estado actual.

Esta substitución realizarase por unhas novas luminarias LED e proxectores de aluminio fundido e material termoplástico. Os reflectores e refractores dispoñerán do sistema OptiBeam de elevada eficiencia luminosa e distribución homoxénea podendo orientarse ata 90º en plano horizontal e 360º ao redor do eixo. Para a zona de oficinas, biblioteca e aulas, as pantallas actuais de fluorescentes serán substituídas por unhas novas pantallas máis eficientes. Tamén se substituirá a iluminación das vitrinas por unhas novas tiras de led que permitan melloras na conservación ao non incrementar a temperatura do interior da vitrina.

En canto á carpintería exterior do edificio, o proxecto, agora en fase de contratación, prevé un investimento de 172.000 euros coa substitución da carpintería exterior da edificación, tendo en conta o seu mal estado actual.

A totalidade das xanelas e portas atópanse en mal estado, con perda de material, caruncho en moitos casos e deformación excesiva en case todas, que dificultan a súa estabilidade e as normais manobras de apertura e peche, algunhas totalmente condenadas, facéndoas inútiles para o fin para o que serven.

Neste sentido, realizarase unha mellora enerxética do edificio substituíndo a carpintería exterior por outras dunha calidade superior, en concreto con portas e xanelas de madeira de iroko e cristalería de vidro dobre.