Entrega premios Garelos 2022, o maior recoñecemento do Concello

469

A alcaldesa, María Barral,  entregou os premios Garelos, o galardón máis importante que entrega o Concello e cos que pretende recoñecer, cada dous anos, os logros alcanzados ou a traxectoria de betanceiros, colectivos ou entidades en tres determinados ámbitos: comercio e industria, Cultura e Deportes.

Así, a primeira edil anunciou que Xesús Fraga recibiu o Garelo da Cultura. O escritor, xornalista de La Voz de Galicia, gañou o Premio Nacional de Narrativa do Ministerio de Cultura pola súa novela Virtudes e misterios. Para a alcaldesa “Xesús Fraga é un orgullo para Betanzos, para Galicia, un recoñecemento á nosa lingua, unha obra que convida a lela. Un premio que non gañaba nesta categoría dende 2098 un libro escrito nalgunha das linguas cooficiais do Estado” destacou María Barral, e que “polo tanto faino merecedor de que dende o Concello, dende a súa cidade teña un recoñecemento tamén moi especial”.

O Garelo do Comercio e a Industria foi para Taberna García, de Montellos. Trátase dunha empresa familiar, unha casa de viños e comidos que xamais deixou de funcionar desde 1887 ata converterse na máis antiga en funcionamento na comarca. É un referente gastronómico pola súa exquisita comida e o seu trato familiar.

O Garelo do Deporte foi para Francisco Freire, que iniciou a súa carreira deportiva como os nenos da súa época nos equipos do seu barrio, A Ribeira, pasando logo polo Brigantium no que xogou como porteiro. Unha grave lesión retirouno como xogador aos 21 anos mais continuou coa súa paixón polo fútbol como adestrador de porteiros. Descubridor de Paco Buyo, adestrou a varias xeracións de nenos no Betanzos, Sada, Raio Sadense, Miño ou Gandarío. O Concello pretende recoñecer a súa traxectoria e implicación no deporte de base, axudando a moitos mozos non só ao prepararse no deporte senón tamén na vida.

Dentro dos premios houbo o Garelo Especial, que este ano foi para os arquitectos Casabella-Vieites, Xan Casabella López e Xosé Díaz Vieites, que dirixen o equipo de recuperación do Parque do Pasatempo. Para eles, será o recoñecemento especial do Concello, pola súa traxectoria profesional, e por deixar “ese selo nos traballos que marcarán unha nova etapa do parque enciclopédico” cuxas obras se desenvolven nestes momentos.

Antolín Faraldo no Panteón de Galegos Ilustres

Por outra parte, o Concello solicitaralle ao Museo do Pobo Galego, con motivo do bicentenario do nacemento de Antolín Faraldo, que coloque no Panteón de Galegos Ilustres unha placa, busto ou estatua do histórico betanceiro en recoñecemento ao seu papel fundamental na historia de Galicia, concretamente no movemento provincialista galego da primeira metade do século XIX. Neste ano dedicado a Antolín Faraldo, a quen o Concello lle dedicou un ciclo de conferencias e diversas accións para difundir e dar a coñecer a súa traxectoria, agora dá un paso máis coa solicitude ao Museo do Pobo Galego para que haxa tamén “ese recoñecemento” a un home que foi un dos pais do movemento provincialista galego na primeira metade do século IX e precursor do Rexurdimento literario.