Betanzos ultima as obras da rúa da Cerca tras concluír a renovación do pavimento e servizos da travesía de Lanzós

157
A alcaldesa, María Barral, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Antonio Vázquez, visitaron a zona

O goberno local inicia as obras da última fase da rúa da Cerca, que contempla a renovación de servizos e de pavimentación. A alcaldesa, María Barral, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Antonio Vázquez, visitaron a zona e reuníronse con responsables da empresa que realiza os traballos para analizar tamén as obras executadas na rúa Lanzós durante os últimos días. A primeira edil explicou que aproveitando que na rúa da Cerca se ían realizar traballos nas vivendas que a Xunta posúe na zona e que ían dificultar as obras de pavimentación, programáronse para a época de Nadal traballos na rúa Lanzós, que estaba no mesmo paquete que A Cerca e que ían realizar a mesma empresa.

A primeira edil indicou que as melloras das rúas do centro histórico é unha das apostas do goberno local como quedou demostrado cos numerosos proxectos de mellora de servizos durante os últimos anos. “Queremos seguir potenciándoo, con novas actuacións e establecendo colaboracións con outras administracións para seguir dinamizándoo o que repercutirá, seguro, en novas rehabilitacións de vivendas”.

Os responsables municipais indicaron que, en xeral, o proxecto de mellora da rúa da Cerca é un “proxecto complexo pola rúa da zona da que se trata, e as características desta: calzada estreita, onde se renovan todos os servizos, de gas, auga, saneamento etc e iso dificultou os traballos e, nalgúns tramos, atrasounos”. No entanto, desde o Concello destacaron a necesidade de actuar na zona, dentro do programa de renovación de rúas, para adecuala á importancia histórica que ten, repondo todo o pavimento por un similar ao que se instalou na zona dos Soportais ou Fonte de unta durante as últimas semanas. A rúa da Cerca é unha das rúas máis importantes do centro histórico.

O proxecto contempla a execución dunha serie de infraestruturas destinadas a mellorar a rede de saneamento e abastecemento, así como a pavimentación co derrubamento do pavimento de formigón e chapacuña existente en calzada e beirarrúas; provisión dos banzos e laxas de granito existentes en Porta do Cristo e das pedras de granito que forman parte do actual pavimento de calzada nos entroncamentos coas distintas travesías.

O proxecto, que segue a liña do executado na rúa Nova, incluíu a colocación dun novo pavimento de laxas de granito de 10 cm de espesor na rúa da Cerca e de 6cm de espesor na travesía Lanzós.

María Barral explicou que os próximos proxectos na zona do centro histórico realizarase na rúa Nova e na rúa Hórreo, a través dun proxecto de 118 060 euros dentro do Plan Único da Deputación.