O Concello de Betanzos, a Secretaría Xeral de Igualdade traballarán da man que Betanzos conte cun Centro de Información á Muller. As dúas administracións coincidiron no seu interese de pór en marcha este servizo a curto prazo.
Así o manifestou a alcaldesa de Betanzos, María Barral, tras reunirse en Santiago coa responsable da Secretaría Xeral de Igualdade, Susana López Abellá. A primeira edil, explicou que tras este encontro realizaranse os trámites oportunos para poder contar canto antes cun CIM que dea servizo a Betanzos e que puidese ter tamén carácter comarcal.
Ambas as administracións manterán novas conversas para seguir avanzando neste proxecto que era unha antiga reivindicación, que xunto ao Centro de Día forma parte das actuacións prioritarias que a alcaldesa pretende levar a cabo en materia de novos equipamentos na área de servizos sociais.
O Centro de Información á Muller ten como finalidade garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.