125 profesionais participarán na campaña de apoio a comerciantes, hostaleiros e profesionais que realizará o Concello repartindo 6.000 euros en tarxetas regalo

807

Betanzos iniciará o vindeiro xoves día 10 unha nova acción de impulso ao tecido comercial, empresarial e hostaleiro na que finalmente participarán 125 profesionais. Dentro do programa de apoio a estes sectores, especialmente afectados pola  Covid 19, o Concello pon en marcha esta campaña de apoio directo para impulsar que “os betanceiros e betanceiras compremos e gastemos en Betanzos, poñendo en valor o noso”, explicoua alcaldesa.

Os establecementos adheridos son tendas de alimentación, fotografía, hostalería, seguros, de moda, deportiva, electricidade, de calzado, especialistas en nutrición, clínicas dentais, xogueterías, kioskos, librerías, loterías, tendas de electrónica, ópticas, gasolineiras, salóns de peiteado, talleres, informática,e axencias de viaxes, entre outros, unha diversidade de profesionais aos que o Concello “agradece a súa colaboración e interese pola campaña que, espera, organízase cun só obxectivo: fortalecer a economía local e promover as compras durante este mes e os primeiros meses de 2021, coincidindo coa época de rebaixas”.

Os establecementos participantes, xa sexa comercio, hostalería ou outro tipo de actividade, terán un distintivo da campaña para que os consumidores saiban onde poden conseguir tanto os boletos para participar no sorteo das tarxetas como logo onde gastar o diñeiro desas tarxetas moedeiro que poderán utilizar nunha soa compra ou en cantas desexen ata consumir o premio que conteñan. A relación de participantes tamén estará na web municipal e nas redes sociais do  Concello.

Esta campaña, que se desenvolverá baixo o lema “ Merca tan cerca”, en liña co  slogan Betanzos tan cerca, que desde hai anos acompaña as accións promocionais da cidade, poñerá en circulación 6.000 euros para incentivar as compras nos establecementos betanceiros. Por cada compra de 10 euros que se realice ata o 5 de xaneiro en cada un dos establecementos asociados á mesma, recibirase un boleto que entrará no sorteo de tarxetas bancarias moedeiro que  terán varios importantes. O sorteo celebrarase o día 8 de xaneiro.

Do mesmo xeito que un sorteo de lotería nacional, sortearase un primeiro premio de 300 euros; un segundo de 200 euros e cinco de 100 euros, ademais doutras 150 tarxetas regalo cada unha delas cargadas con 30 euros.

Os agraciados poderán gastar estas tarxetas ata o 28 de febreiro de 2021 en calquera dos establecementos asociados á campaña. Desta forma, no sector comercial, potenciarase tamén a compra no período de rebaixas.

Haberá ademais, sorteos en medios de comunicación e a través de redes sociais onde tamén se poderá optar a tarxetas moedeiro cargadas con 50 euros para gastos nas empresas ou establecementos adheridos á campaña.

María Barral indicou que con esta iniciativa “pretendemos seguir axudando ao tecido comercial, hostaleiro e, en xeral, aos profesionais de Betanzos nun momento difícil e complicado para a nosa economía como consecuencia da  Covid”.

Cartel da campaña de apoio ao comercio betanceiro