A alza dos prezos ten especial incidencia no proxecto que mellora da rede de saneamento prevista nas Cascas que obriga a cambiar o proxecto a sacalo a novo a contratación

169

O Concello vese obrigado a sacar de novo a licitación as obras do proxecto de reordenación do saneamento na marxe do río Mendo entre a ponte das Cascas e a ponte do Carregal, incluído no Plan Único POS + 2019 cun investimento duns 500 000 euros, tendo en conta as características da obra e a situación actual do mercado e os prezos no sector. Para isto, alcanzou un acordo coa empresa adxudicataria a quen lle devolverá a garantía definitiva constituída.

Desde o momento da redacción do proxecto licitado (non as obras), en decembro do 2018, e en particular, nos últimos dous anos, produciuse unha anormal suba nos prezos de moitas das unidades prescritas no citado proxecto.

Os prezos máis afectados foron os do aceiro, tanto laminado (estrutura), coma corrugado (para formigón armado), así coma os derivados do petróleo, coma son as canalizacións de PVC e polietileno de alta densidade, por non mencionar os derivados dos portes. Tamén o formigón experimentou un incremento considerable no seu prezo.

Por outro lado, o gran peso do importe dos equipos hidráulicos, cuxos prezos tamén aumentaron do mesmo modo, sobre o total do importe da obra, tamén afecta negativamente á viabilidade desta.

O nivel de esixencia sobre estes equipos, inflúe de xeito determinante sobre o resultado da obra e o cumprimento dos estándares ambientais que se pretenden acadar con ela, polo que o persoal técnico municipal, como director das obras, non ve oportuno rebaixar calidades nin prescindir de equipos proxectados inicialmente para a realización dos traballos, xa que suporía un sobrecusto futuro para o Concello.

O incremento no mercado de todos estes prezos, eleva o total da obra a unha cantidade inalcanzable, mesmo aplicándolle as marxes máximos das revisións de prezos extraordinarias aprobadas tanto pola Xunta coma o Goberno central para as obras públicas, na situación de crise, polo que non sendo por causas imputables nin ao contratista, nin ao Concello, nin ao equipo redactor do proxecto, senón a unha situación extraordinaria sobrevida nos últimos anos, é imposible executala nas condicións actuais.

Os traballos, que sairán de novo a licitación mais actualizando tanto o proxecto coma os orzamentos, pretenden renovar o colector que se proxecta ao longo do río Mendo, unha instalación antiga que vén de sufrir tanto o deterioración do tempo, coma o repisamento dos terreos nos que está aloxado e mesmo roturas accidentais causadas pola navegación neste tramo de río desde a ponte das Cascas ata o fondo da ría. As obras consistirían basicamente na execución dun cambio de trazado na impulsión do colector das Cascas. Neste novo trazado habería que integrar servizos da avenida Jesús García Naveira. Tamén un novo pozo de bombeo de Bartolomé Cossío dotado con tres bombas, a construción dun tanque de tormentas e  a execución dunha impulsión na marxe esquerda que conectará, de forma subterránea, coa ponte do Carregal, e desembocará na rede existente augas abaixo.