A proposta de mellora do campo de fútbol do Carregal coa instalación de peche acristalado na zona superior da bancada, bancos homologados, teito na entrada do campo, reparación e pintado de muros e portóns, ampliación de redes de servizos, formigonado do perímetro do campo, e construción de vestiarios femininos resultou ser a gañadora do programa de orzamentos participativos impulsado polo goberno local. Recibiu  un total de 105 votos dos 339 emitidos, tanto de forma telemática como presencial.

Para máis información prema aquí

Das 19 propostas que se presentaron ao programa, 10 sometéronse a esta fase final de votación. Por detrás da mellora do campo do Carregal quedaron, por esta orde, a mellora do camiño da Veiga con 73 votos, seguido do carril bici con 42 e a pista de salto de lonxitude con 41. O parque infantil do Pasatempo obtivo 30, o saneamento da Condomiña 24 mentres que a calistenia de Ramón Beade quedou en 11, a do velódromo en 6 e a elevación dos pasos de peóns na zona centro e valado do Cantón noutros 6.

Os votos contabilizados cumpriron os requisitos que se pedían canto a ser persoas maiores de 16 anos e estar empadroadas en Betanzos.

O goberno local explicou que agora se encargará unha valoración económica da proposta para determinar o orzamento definitivo. En caso de non gastar a totalidade da partida prevista, é dicir, os 100.000 euros, o diñeiro restante destinaríase ao seguinte proxecto e así sucesivamente.

As  tres primeiras propostas foron: 

  • Mellora do campo de fútbol do Carregal. Construción de peche acristalado na zona superior da bancada, bancos homologados, teito na entrada do campo, reparación e pintado de muros e portóns, ampliación de redes existentes, formigonado do perímetro do campo, e construción de vestiarios femininos.
  • Mellora do camiño da Veiga. Para mellorar o acceso da veciñanza que transitan pola zona, coa limpeza de noiros e beiravías, o reforzamento e o asfaltado desde o seu inicio na zona da Ponte Vella ata os seus límites co Concello de Paderne, así como a variante que o camiño ten no seu parte norte e que o comunica coa estrada de Paderne. Este camiño non foi asfaltado desde hai mais de 15 anos e especialmente no seu último tramo que tan só conta cunha capa de aglomerado e está en fase de descomposición permanente.
  • Carril bici. Un carril bici por toda a periferia e as avenidas principais  (avenida Fraga Iribarne, avenida da Coruña, Malecón, Porto, Valdoncel, avenida Irmáns García Naveira, avenida Linares Rivas e rúa Ferradores) e que se instalen puntos de aparcadoiro de bici.