A Policía Local e a Garda Civil despregaron este fin de semana un operativo especial de inspección na zona de lecer nocturno

48
Rúa Rosalía de Castro, zona de lecer nocturno

A Policía Local e a Garda Civil desenvolveron un operativo especial de inspección durante a noite do pasado sábado ao domingo coa participación de varias patrullas na zona de “movida” nocturna. Neste caso, a inspección realizouse nunha discoteca da zona dentro dentro das accións de colaboración acordadas entre os dous corpos de seguridade impulsadas desde o Concello e a Subdelegación do Goberno e que foron tratadas distintas reunións de traballo que se mantiveron nos últimos meses cun claro obxectivo, posibilitar o lecer nocturno pero a condición de que se respecte o dereito ao descanso.

Á apertura de expedientes a locais de lecer nocturno por parte do Concello por incumprimento de horarios, realizada en días pasados, únese agora esta inspección que levará consigo o inicio de propostas de sanción por unha serie de infraccións. Entre elas, as que lles incumben neste caso á Policía Local será a apertura de expedientes pola presenza de menores no local de hostalaría incumprindo así a normativa de establecida na Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade e á Xunta canto ás limitacións de acceso de menores. A normativa establece a prohibición de entrada  dos menores de idade en salas de festas, de baile ou discotecas, agás que estean acompañados de persoas maiores de idade con responsabilidade sobre estes.

Pola súa banda, a Garda Civil abrirá as dilixencias dentro das súas competencias. O Concello explicou que estas inspeccións continuarán, xa que forman parte dunha serie de actuacións que teñen como obxectivo preservar o descanso e facer cumprir a normativa posibilitando  o lecer nocturno mais a condición de que se respecte o dereito ao descanso.

A maiores desta actuación, manterase unha vixilancia de cumprimento dos horarios tal e como se acordou nas reunións mantidas, de forma individual, coa hostalaría, a veciñanza e os corpos de seguridade, ademais da venda de bebidas alcohólicas a menores.

O goberno local pretende, con todas estas actuacións de control, evitar un problema de “convivencia” que existe as fins de semana cando pechan os establecementos e aumenta a presenza de mozas e mozos, moitos deles menores de idade, na rúa xa que “non hai servizo de transporte público ata primeira hora da mañá”. Trátase de mocidade doutros municipios que permanecen na rúa ata poder coller o primeiro autobús da mañá, provocando, en ocasións, altercados e condutas incívicas.

Este problema foi trasladado á Subdelegación do Goberno e á Xunta para que se establezan, como había no seu momento, servizos de “Noitebús” e que a mocidade dispoña de liñas para desprazarse “sen que teñan que pasar horas e horas nas rúas agardando polo primeiro autobús que, dependendo do día, tampouco cobre a demanda que existe, cos problemas que iso supón a maiores”.

O Concello contratará tamén un servizo de medición de ruídos e será  inflexible se os parámetros non cumpren coas normativas establecidas. “Cando nos reunimos coa hostalaría amosaron a súa disposición a colaborar. Agardamos que os resultados demostren esa boa vontade na toma de medidas por parte das persoas propietarias dos locais”.

O goberno local, como acordou coa representación veciñal, instalará cámaras de control de tráfico en diversas rúas da zona de lecer e estudará ampliar o número de pasos de peóns elevados para obrigar dalgún modo aos vehículos a reducir a velocidade.