Betanzos pediralle ao Consorcio que esixa unha mellora na prestación do servizo de recollida coincidindo coa suba de tarifas do servizo

46

Betanzos pedirá o luns no Pleno do Consorcio unha mellora da prestación do servizo de recollida de residuos, dado que entende que non se está prestando de forma adecuada, coincidindo coa suba nun 35% da tarifa á que se ve obrigado a aprobar o ente supramunicipal a teor dos informes técnicos presentados polos servizos do Consorcio.

Aínda que o Concello entende que é necesario atallar o déficit acumulado do servizo debido a que a taxa está conxelada desde o ano 2012 para o goberno local “non é o momento idóneo de aplicar esta suba se non se melloran as condicións nas que se presta o servizo”.

A alcaldesa, María Barral, indicou que a falta de limpeza dos colectores, o estado no que se atopan, a falta de campañas informativas e de concienciación, e que non se cobre coa frecuencia necesaria en moitos lugares, especialmente da zona rural, son algunhas das circunstancias polas que “Betanzos ve necesario levantar a voz e pedir esa mellora coincidindo cunha suba que, en todo caso, sabemos que se vai a producir pero que debe de ir acompañada por unha mellor prestación da recollida xa que nas actuais circunstancias a veciñanza non pode entender este incremento”.

María Barral indicou que durante a reunión celebrada polo Consorcio durante a semana pasada expuxo que se estudase un incremento progresivo da taxa, tendo en conta que non se aumentou desde 2012 por unha decisión do Consorcio e que agora non se lle pode “castigar” á veciñanza cun incremento dun 35% dunha soa vez. Esta proposta rexeitouse por cuestións técnicas e económicas.