Quero facer unha valoración moi positiva do que supuxo este verán para Betanzos. Vivimos uns meses intensos, nos que a participación de veciños, veciñas e visitantes foi extraordinaria”, indicou a alcaldesa, María Barral, no balance que fixo hoxe do verán.
A Feira Medieval cunhas 150.000 persoas; as festas de agosto con outras 50.000 persoas o día do Globo; as actuacións musicais con Panorama, Olympus, París de Noia, acompañadas polo concerto de Budiño e o tributo musical a ABBA; ademais das xiras a Os Caneiros; ciclos de música como o Mariñas Sound; o festival do Pasatempo, a Semana do Cinema, ou os programas de música e teatro na rúa unido ao atractivo que, de seu, esperta Betanzos “fixeron que este verán fose, en canto a números, dos mellores dos últimos anos”.
Así se reflicte nos datos da Oficina de Turismo, pero tamén o corroboran os datos da hostalería e o comercio. Moitos deles han traslado ao Concello a súa satisfacción por un verán “onde a afluencia de visitantes” foi constante desde xuño.
Todo ese movemento ten unha importancia vital no economía local cun impacto económico que se sitúa nuns 24 millóns de euros. Para unha cidade como Betanzos, este dato é moi significativo. Non só falamos de cifras: falamos de emprego, de dinamización do comercio e a hostalería, de reservas en hoteis e aloxamentos, de actividade no sector do taxi, no transporte e en todos os servizos asociados. “En definitiva, é riqueza que queda na nosa cidade e que axuda a que o noso tecido económico sexa máis forte”.
Ademais, este éxito reafirma que apostar pola nosa cultura, polas nosas tradicións e pola organización de eventos é investir no presente e no futuro de Betanzos. “Somos conscientes de que cada euro que se mobiliza xera oportunidades, e que cada visitante que nos descobre convértese nun embaixador da nosa cidade.
Betanzos consolídase como un dos referentes do verán en Galicia, cunha oferta que combina tradición, cultura, historia, gastronomía, comercio e turismo, e que todo iso alcanza unha participación que nalgúns días deste verán pasou mesmo as nosas expectativas”.
Agradeceu a implicación de todos os sectores, comerciantes e hostaleiros polo seu esforzo, de asociacións e colectivos pola súa implicación, e, sobre todo, á achega dos veciños e veciñas de Betanzos e á dos miles e miles de visitantes que elixiron Betanzos este verán. “Seguiremos traballando nesta liña para que estas cifras sigan crecendo de maneira sostible”.











