O goberno local de Betanzos levará ao vindeiro Pleno a proposta para autorizar a cesión da concesión administrativa e dos dereitos de arrendamento do Complexo San Roque á empresa Nuevas Iniciativas Betanzos S.L. (NIB), despois do informe favorable emitido polos servizos xurídicos municipais sobre a operación formulada.
A proposta supón un novo paso para resolver unha situación de inestabilidade xurídica, económica e administrativa que o complexo viña arrastrando desde hai décadas e que afectaba tanto ao hotel como ao museo-degustación e ao aparcadoiro subterráneo, este último sen chegar nunca a entrar en funcionamento. A alcaldesa de Betanzos destacou que “despois de moitos anos de problemas, incumprimentos e dunha situación enormemente complexa para o Concello, ábrese por fin unha vía seria e viable para encamiñar definitivamente o futuro do Complexo San Roque”.
Barral lembrou que desde o Concello “viñamos traballando desde hai tempo, tanto desde a Alcaldía como desde os departamentos xurídicos e de urbanismo, para intentar atopar unha solución realista e con garantías para un equipamento estratéxico para a cidade”.
O informe xurídico municipal analiza a situación histórica da concesión, adxudicada inicialmente en 1997, e detalla os distintos incumprimentos detectados ao longo dos anos por parte da anterior adxudicataria, entre eles débedas tributarias, falta de constitución de garantías obrigatorias, ausencia de determinados requisitos administrativos e problemas relacionados coa explotación e posta en funcionamento do aparcadoiro subterráneo.
Entre as incidencias recollidas figuran impagos do IBI correspondentes a varios exercicios, a falta de constitución das fianzas vinculadas á concesión e ás obras, a inexistencia de póliza de responsabilidade civil, así como a ausencia de aprobación definitiva do regulamento de funcionamento e das tarifas do parking subterráneo.
O documento tamén lembra que sobre a concesión existe desde hai anos un procedemento no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Betanzos. Dentro dese procedemento xudicial, NIB e Complejo San Roque S.L. acadaron un acordo de adxudicación en pago que permitirá a subrogación da nova empresa na posición da actual concesionaria, tanto na concesión administrativa como nos dereitos de arrendamento vinculados ao complexo.
O informe dos servizos xurídicos conclúe que non existe impedimento legal para que a nova sociedade asuma esa posición contractual, sempre que cumpra os requisitos esixidos pola normativa administrativa e contractual vixente.
“O informe acredita que existe unha fórmula legal para desbloquear esta situación e, sobre todo, que hai unha proposta concreta para asumir as obrigas pendentes, regularizar cuestións administrativas que levaban anos sen resolverse e dar estabilidade a todo o complexo”, sinalou a alcaldesa.
A proposta presentada por NIB incorpora ademais un plan de regularización integral que inclúe a asunción das obrigas pendentes vinculadas ao hotel, ao museo-degustación e ao parking subterráneo, así como un calendario de pagos para as cantidades adebedadas e o compromiso de afrontar a adecuación técnica e funcional das instalacións.
A nova empresa comprométese a asumir o pago das fianzas pendentes do contrato de arrendamento e da concesión administrativa, regularizar as débedas tributarias existentes, subscribir a correspondente póliza de responsabilidade civil e presentar a documentación necesaria para a posta en funcionamento do aparcadoiro subterráneo.
Así mesmo, o plan prevé acometer a adecuación técnica das instalacións e solventar os desperfectos existentes para adaptar o conxunto á normativa vixente.
“O importante é que falamos dunha proposta integral, non unicamente dun cambio de titularidade. Hai un compromiso para regularizar a situación administrativa, para asumir as cargas pendentes e para poñer en funcionamento servizos e instalacións que a cidade nunca puido aproveitar plenamente”, indicou María Barral.
O informe xurídico considera ademais “suficientes” as garantías ofrecidas pola nova sociedade para corrixir os incumprimentos detectados polo Concello e avanzar cara á normalización administrativa e funcional do complexo.
A proposta plenaria contempla autorizar formalmente a cesión da concesión administrativa e dos dereitos de arrendamento vinculados ao complexo, incluíndo o hotel, o museo-degustación e o aparcadoiro subterráneo, ademais de continuar coa tramitación administrativa necesaria para avanzar na regularización técnica, xurídica e funcional das instalacións.
O acordo incluirá tamén o desistimento do procedemento xudicial iniciado polo Concello en 2021 contra a anterior concesionaria por incumprimentos contractuais, ao entender os servizos xurídicos que a operación formulada permite encamiñar unha solución estable e viable para o conxunto do complexo.
A alcaldesa subliñou ademais a importancia estratéxica que ten o complexo para a cidade, especialmente nun contexto de crecemento turístico e de incremento da demanda hoteleira. “Betanzos necesita máis capacidade hoteleira e necesita ademais recuperar plenamente un espazo emblemático e con enorme potencial para a actividade turística, económica e social da cidade. Poder dispoñer de todos os servizos do complexo, incluído o aparcadoiro subterráneo, é algo moi importante para o presente e para o futuro de Betanzos”, afirmou.
“O que queremos é deixar atrás unha situación que durante demasiados anos xerou incerteza, problemas e limitacións para a cidade. Agora existen unhas circunstancias distintas e unha proposta concreta que pode permitir converter definitivamente o Complexo San Roque no equipamento que Betanzos necesitaba e merecía”, concluíu María Barral.












