O Concello iniciou as obras de renovación do parque infantil da Ribeira, dentro dun programa de actuacións que inclúe tamén o de Pintor Seijo Rubio, xa rematado; o do Pasatempo, As Donas, Viuxe e A Condesa, nos que se levarán a cabo actuacións proximamente, ademais doutros espazos nos que xa se actuou con anterioridade, como Alfonso IX, a Praza do Emigrante, O Carregal, o casco histórico ou O Xuncaliño.
O proxecto supón un investimento próximo aos 85.000 euros e ten como obxectivo actualizar e mellorar as instalacións, creando un espazo “lúdico moderno e seguro”. Os traballos consisten na retirada dos xogos actuais e na posterior renovación do pavimento de caucho continuo, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.
A zona contará con novos xogos que incluirán unha estrutura con forma de balea, un faro, unha medusa, un barco pirata e un balancín múltiple, todos eles adaptados a diferentes grupos de idade e coas condicións necesarias para ofrecer un espazo de xogo seguro e estimulante.
Ademais, realizarase unha reparación integral do peche perimetral e instalarase novo mobiliario urbano con paneis informativos, bancos e papeleiras. O obxectivo é transformar o parque nun espazo máis funcional, seguro e agradable para os nenos e nenas, garantindo o cumprimento de todas as normativas de seguridade e accesibilidade.
Por outra parte, o Concello concluíu diversas actuacións no Paseo de Bullas, á beira do río Mandeo, coa plantación de novas árbores —bidueiros— en substitución doutros exemplares que estaban mortos; a limpeza de todo o pavimento da zona, na que tamén se instalou novo mobiliario urbano, como bancos e papeleiras, así como unha nova fonte.
Estas mesmas actuacións realizáronse tamén na praza de Enrique IV, dentro do programa municipal de limpeza de espazos públicos, e no leito do río Pelamios, na zona da Caraña.












