O Concello de Betanzos celebra o Día de Santa Rita cunha homenaxe ao persoal municipal xubilado

109

O Concello de Betanzos celebrou o pasado 22 de maio Día de Santa Rita, patroa do funcionariado, cun acto institucional de recepción ao persoal municipal no que tamén se rendeu homenaxe aos traballadores e traballadoras que este ano iniciaron a súa xubilación.

Durante o encontro, o Goberno local quixo recoñecer publicamente a dedicación, o compromiso e os anos de servizo á veciñanza de Alberto Fernández, José Gil, Margarita Méndez, Pilar Pando, Justo Pedreira e Antonio Vara, destacando a súa contribución ao funcionamento e mellora dos servizos municipais ao longo da súa traxectoria profesional.

O acto desenvolveuse nun ambiente de agradecemento e recoñecemento ao labor diario do persoal municipal, coincidindo cunha xornada especialmente significativa para os empregados e empregadas públicas.

Desde o Concello trasladouse aos homenaxeados o agradecemento institucional polo traballo realizado durante todos estes anos e desexóuselles unha feliz e merecida nova etapa persoal.